Ribadeo recoñece como fillo predilecto o debuxante Suso Peña

A asociación Tá en Artes prepara unha ampla programación de homenaxe ao autor de banda deseñada

Autorretrato de Suso Peña na capa do libro <i>La mirada mágica</i>
Autorretrato de Suso Peña na capa do libro La mirada mágica
O pleno do concello de Ribadeo nomeou o pasado sábado a Suso Peña, autor de banda deseñada, ilustrador, deseñador e fotógrafo, Fillo Predilecto da Vila a título póstumo. A viúda do creador, Carmucha, recolleu o diploma acreditativo dun nomeamento promovido desde o tecido asociativo local. A homenaxe, para alén de recoñecer a carreira artística internacional de Peña, que traballou para editoras estadounidenses como Warren ou Skywald, lembra a súa implicación coa vila, onde morou desde 1968 ata o seu falecemento en 2005. Investigación histórica e ambiental, compromiso ecolóxico ou acción reivindicativa foron algúns dos méritos que se listaron da súa figura neste sentido.

Suso Peña foi ademais seleccionado pola asociación cultural Tá en Artes para protagonizar unha programación especial ao longo do ano. Deste xeito, para o vindeiro 13 de abril está prevista a apertura dunha exposición con algúns do seus traballos na propia vila de Ribadeo, mentres a partir do 17 unha segunda mostra no Cenima de Foz explorará as conexións entre artistas da Mariña e doutras latitudes. Para finais do ano, o colectivo está a traballar para desenvolver unha exposición de grande formato dedicada ao autor.