A AGPI bota a andar o seu Club de Debuxo

Un ensaio da Orquestra Sinfónica de Galicia o vindeiro 27 de marzo abrirá esta actividade

Encontros para debuxar en lugares insólitos. Esta é a proposta do Club de Debuxo que acaba de presentar a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. A se sumar á vaga de iniciativas que reivindican o pracer de practicar esta arte, a AGPI ofrecerá "unha cita mensual nun lugar diferente cada vez" coa intención de "realizar unha práctica interesante con outros compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir experiencias e inquedanzas". A primeira das sesións desenvolverase o vindeiro 27 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña no transcurso dun ensaio da Orquestra Sinfónica de Galicia. A actividade, de balde, está aberta á inscrición de todas as persoas interesadas.