Os Premios Fervenzas Literarias seleccionan a Emma Pedreira, Lucía Aldao e María Xosé Queizán

Os votos por Internet decidiron as mellores obras de 2018

Ao longo da mañá o portal Fervenzas Literarias fixo pública a selección que os seus lectores e lectoras votaron durante as últimas semanas como o mellor da literatura galega de 2018. Na selección, Emma Pedreira fíxose co premio á mellor obra de narrativa con Besta do seu sangue, mentres que Todo isto antes era noite, obra debut de Lucía Aldao, foi seleccionado no ámbito da poesía e o Vivir a galope de María Xosé Queizán fíxose co recoñecemento no campo do ensaio. A edición de Kalandraka do Eroski Paraíso de Chevere gañou no campo da literatura dramática mentres O puño e a letra, o álbum no que corenta artistas do país adaptan poemas de Yolanda Castaño destacou como o mellor da banda deseñada. Emma Pedreira pois escolleita polos votos como mellor autora do ano e Víctor Rivas aparece como mellor ilustrador.

O mellor que aconteceu no ano foi o Culturgal para o groso das persoas que votaron, Xerais foi escolleita como mellor editora e Sermos Galiza impúxose como mellor medio de comunicación. A Sega contou co favor do público como espazo web máis destacado, Cartabón foi a libraría que máis importante de 2018 e Armando Requeixo o crítico máis importante. Como o pior que aconteceu durante o pasado ano, o falecemento de Xabier P. Docampo foi o máis apuntado nas votacións.

A cámara do sangue de Ángela Carter fíxose co recoñecemento como mellor libro traducido para público adulto, A balada dos unicornios de Ledicia Costas impúxose no apartado de libros xuvenís e Mamá, quero ser Ziggy Stardust de Iria Misa e Alba Barreiro fíxoo entre as obras infantís. A versión de Pippi Mediaslongas embarca que publicou Kalandraka destacou como mellor obra traducida para público infantil e xuvenil.