Ataque Escampe lanza dous discos de rarezas para despedir 2018

Ídolos adolescentes e A vida dos animais están dispoñibles na rede

A plataforma Bandcamp acolle desde o pasado 31 de decembro para libre escoita e descarga o último lanzamento de Ataque Escampe. A banda fecha 2018 con mudanzas na súa formación e fai un repaso á súa traxectoria na forma de dous discos de inéditos e rarezas. Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018) achegan 24 temas entre directos, demos e versións, a incluír catro pezas inéditas rexistradas nos estudios Gonzalinhas de Lalín. Fican fóra do repaso os dous primeiros discos da formación, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e Galicia es una mierda (2008). "Non imos dicir que estas 24 cancións encerren a historia desta última década (xa nos gustaría), pero seguramente si que sirvan para seguirnos o rastro a nós, ao que fomos nestes anos, ao que aínda somos e tamén ao que xa non. E pasabámolo ben. E eramos todos amigos. E non queriamos ter máis", explica a banda na presentación do proxecto.

En canto ás mudanzas, deixan a banda o vocalista Roi Vidal, e o batería Álvaro Trillo, e continúan no proxecto os fundadores Miguel Mosqueira (guitarra e voz) e Samuel Solleiro (guitarra) canda a Lois Carlín (baixo), segundo adianta Sermos Galiza.