Alicia Estévez Toranzo (Pontevedra, 1955) recolleu este 3 de decembro o último Premio María Wonenburger, concedido pola Xunta de Galicia a científicas que se adiantaron ao seu tempo e abriron novos camiños na investigación. A catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela centra o seu traballo desde comezos da década dos 80 no tratamento e na prevención de doenzas dos peixes, unha investigación netamente aplicada a un sector, o da acuicultura, que agromaba en Galicia cando ela constituíu o seu propio equipo en 1983. Trinta e cinco anos despois, a que foi unha das catedráticas máis novas da USC leva contribuído ao desenvolvemento desta actividade con oito patentes de vacinas e ferramentas de diagnóstico que se empregan de xeito cotiá nas granxas acuícolas, entre outras achegas para combater as enfermidades víricas e bacterianas en especies como o rodaballo ou a troita. "A calidade sanitaria e nutritiva que teñen hoxe os produtos de acuicultura é impresionante", asegura.
Como afectou esta percepción que comenta dos peixes ao desenvolvemento de tratamentos? Conseguíronse vacinas rápido? Non, as vacinas son relativamente recentes. Ata que a nivel internacional se empezou a ter en conta que os peixes tamén teñen un sistema inmunolóxico e poden desenvolver doenzas, non se pensara que poderían responder igual ca un mamífero fronte a unha vacina. Foi a partir de aí cando se comezou a investigar nesta liña, e o desenvolvemento foi lento. En Galicia, o auxe da vacinación de peixes deuse nos anos 90. E nese auxe o seu grupo tivo moito que ver. O noso grupo ten varias vacinas patentadas e transferidas á empresa. En rodaballo traballamos moito, e hoxe en día ten un calendario de vacinas, igual ca os nenos: cando son pequerrechos póñenselles unhas e máis adiante outras. Como se lles administran? Iso tamén é investigación. Cando máis doado sexa, mellor. Se son moi pequenos, cando pesan menos de 10 gramos, picar é impracticable. Nestes casos o método ideal é o baño, tes que intentar que funcione. Non abonda con elaborar a vacina, hai que saber como administrala. Hai moitas estratexias: baño curto, longo... E tamén tes que saber cantos baños lles vas dar. Que outros peixes de acuicultura podemos atopar no mercado que se beneficiasen das vacinas do seu grupo? Tamén comercializamos vacinas para as troitas ou as douradas, e agora estamos a traballar co linguado, en colaboración con empresas. Ademais de aforrar custos ás granxas acuícolas, as vacinas permiten evitar tratamentos con medicamentos tan deostados en alimentación como os antibióticos. É frecuente o seu uso en acuicultura? Sempre existe esa sombra, pero nos países desenvolvidos está sometido a unhas condicións moi estritas. Se se empregan, os peixes non poden saír ao mercado ata pasado o tempo necesario para o eliminen os restos. Se a comparamos coa cría doutro tipo de animais para o consumo, o uso de antibióticos na acuicultura é mínimo. Importa previr, pero tamén mellorar o diagnóstico. Como avanzou nestas décadas? Na actualidade o diagnóstico de doenzas nos peixes é moi rápido, faise con métodos moleculares. Seguro que a xente oíu falar da PCR, unha técnica que se emprega na clínica humana. Pois temos o mesmo xeito de traballar e podemos diagnosticar de maneira incruenta, sen sacrificar o peixe. Usamos sobre todo técnicas que empregan un pouco de sangue que se lle extrae, pero tamén se pode aplicar a fluídos seminais ou ovárico. Nos últimos tempos tamén estudou como pode afectarlles aos peixes o cambio climático. Que indican as últimas investigacións neste eido? Traballamos neste terreo dentro dun proxecto nacional financiado pola Fundación Biodiversidad (dependente do Ministerio para la Transición Ecológica), en colaboración co Campus do Mar de Vigo, o Clúster da Acuicultura e o Centro Tecnológico de Acuicultura de Andalucía, entre outros centros de España, coa idea de recadar toda a información sobre este tema, analizar cal é o risco e como o percibe o sector. O aumento da temperatura fai que o peixe estea fisioloxicamente máis estresado e, por outra banda, provoca que moitos patóxenos proliferen en maior cantidade no medio acuático. Estamos tamén a estudar, dentro doutros proxectos de investigación básica, como afecta a temperatura á expresión de xenes de virulencia: hai xenes que coa temperatura un pouco máis baixa están inhibidos pero que cando a temperatura sobe se expresas. Hai que ter en conta ademais que o cambio climático tamén pode aumentar a mortalidade das poboacións salvaxes de moluscos e peixes, ou que algunhas especies se despracen buscando a súa temperatura adecuada. Se son portadoras dalgún organismo, poden traer consigo patoloxías novas, e temos que ter presente que todo o que inflúa no medio salvaxe vai influír indirectamente na acuicultura. Á hora de consumirmos peixe, perdura a percepción de que o peixe salvaxe é mellor. Vostede cal prefire? O peixe de acuicultura é un produto de crianza igual que o é o xamón que comemos, mesmo se é de pata negra. Coido que aínda temos que facer moitas máis campañas sobre as boas calidades nutritivas e sanitarias dos produtos acuícolas. Recoñezo que o peixe salvaxe sabe un chisco diferente, pero hai tan pouco! A cuestión é que cada vez imos depender máis do produto de acuicultura. E se tes convidados e queres asegurate de que a dourada ou o rodaballo estean bos, que a carne non vai estar seca, vas escoller exemplares de acuicultura."O aumento da temperatura fai que o peixe estea fisioloxicamente máis estresado e provoca que moitos patóxenos proliferen en maior cantidade no medio acuático. Tamén estamos a estudar como afecta á expresión dos xenes de virulencia



