As contas da cultura 2019: Lingua e libro

O Plan de Dinamización de Lingua para a Mocidade e un maior apoio ás bibliotecas municipais son as grande novidades neste campo

O Plan de Dinamización de Lingua para a Mocidade e un maior apoio ás bibliotecas municipais son as grande novidades neste campo
O proxecto de Orzamentos para 2019 prevé pequenos incrementos nas áreas de lingua, libro, bibliotecas e arquivos. Con estes fondos, e sen que se dean recortes destacados, semella que a Consellaría de Cultura pretende cubrir novas áreas. As actividades derivadas do Plan de Dinamización de Lingua para a Mocidade, un novo programa de Bibliotecas Itinerantes e un maior apoio aos centros de lectura e aos arquivos municipais preséntanse como algunhas das principais novidades nestes apartados de cara ao vindeiro ano.

LINGUA


Un 2,9%, é todo o que medran os fondos da Secretaría Xeral de Política Lingüística no proxecto de orzamentos para 2019. No entanto, o importante descenso nos gastos en bens correntes e servizos (un 8,1% menos) permite que ese incremento se concentre na partida de investimentos reais, que incorpora un 6,2% máis fondos (193.000 euros ) e suma 3.333.000. Canda a esta, é a partida de gastos de persoal a que máis medra e absorbe 273.000 euros, a maior parte dos cales, segundo asegurou Román Rodríguez entre o Parlamento, se destinan ao profesorado dos cursos para obter o Certificado en Lingua Galega. En conxunto, o programa de Fomento da Lingua Galega acada un total 8.079.000 euros fronte aos 7.623.000 do pasado exercicio.

Máis fondos para campañas
Os máis beneficiados nas novas contas son os fondos para "Campañas de normalización lingüística" que medran en 218.400 euros e contan cun total de 1.750.000. En paralelo, os destinados a "actividades de formación para a normalización e dinamización" suman 100.000 e chegan ao medio millón, cifra que continúa sen igualar os fondos da partida en 2017. Pola súa banda, os estudos e traballos de investigación reciben case 25.000 euros máis ata acadar os 500.000. Fóra destas, o resto das partidas do departamento mantéñense sen cambios, coa transferencia de 700.000 euros a empresas para "Programas de promoción do galego" como unha das máis grandes, posiblemente relacionada co Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Económico. O apoio a proxectos editoriais na nosa lingua (170.000), as accións promocionais para a lingua (39.507), a liña de axudas para proxectos de fomento e formación de centros educativos non universitarios (300.000) así como os cartos destinados a convenios con medios de comunicación (50.000) e a outros convenios (140.000) son tamén partidas sen novidade. Do mesmo xeito a continuidade dos 245.000 euros de transferencias a concellos fan prever estabilidade na Rede de Dinamización Lingüística, sen incorporacións nin novos programas nesta entidade. Segundo estas cifras, o incremento dos cartos para campañas e accións de normalización verán en 2019 un incremento de 343.439 euros, unha cifra que o conselleiro de Cultura cifra nun incremento do 14%.

Proxección, investigación e formación
A proxección exterior do galego fica con 255.000 euros para creación de lectorados, unha cifra que se mantén logo da perda o pasado ano. No entanto, Rodríguez destacou, na súa intervención no Parlamento, a creación de novos Centros de Estudos Galegos nas universidades de Santa Bárbara e Turín, así como unha ampliación da colaboración que se mantén co Instituto Cervantes para a promoción da nosa lingua. Fican coa mesma contía tamén as bolsas para investigación nos lectorados (200.148) e as do Centro Ramón Piñeiro, de novo co 187.133 euros. Mudan pola súa banda os recursos que se destinan á realización dos cursos para a obtención do CELGA. Se ben os fondos destinados a este fin no capítulo de investimentos, aparecidos en 2018, descenden de 200.000 a 50.000 euros, prodúcese un incremento de case 230.000 euros no capítulo I, de gastos de persoal. Deste xeito, 261.538 euros cubrirán o traballo dos docentes destes cursos como persoal laboral temporal. Precisamente completar a adaptación destes cursos ao formato dixital para se poderen impartir en liña preséntase como un dos obxectivos da Secretaría para o vindeiro exercicio.

O plan para a mocidade
A principal novidade para o ano virá coa aprobación do Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade, prevista para o segundo trimestre do ano 2019. Aínda que este proxecto semella non ter incidencia sobre as partidas previstas nos orzamentos, Rodríguez anunciou un investimento de 150.000 euros neste proxecto. No marco do mesmo, destinaranse 50.000 euros a un proxecto piloto de convivencia entre crianzas galegofalantes e non galegofalantes durante vinte e un días con vistas a facilitar o uso da nosa lingua. Canda a esta proposta, a memoria dos orzamentos apunta que nesta área "proporanse medidas como o establecemento de acordos cos clubs deportivos para que incorporen a lingua galega ás súas comunicacións, a promoción dunha oferta competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos, o impulso da transmisión de galego aos fillos nas Escolas de Nais e Pais, o apoio e recoñecemento aos proxectos dixitais que publiquen integramente en galego, o apoio ás opcións dos neofalantes como novos usuarios do noso idioma ou o aproveitamento das potencialidades do galego no mundo lusófono á hora de emprender e crear emprego, entre outras". Tamén apunta a creación dos "Cafés da fala", que serán "espazos de conversa participativa e informal afastados da rixidez dunha aula e centrados na aprendizaxe e mellora do galego como ferramenta de utilidade no ámbito laboral, especialmente dirixidos a neofalantes" así como a "creación de contidos en galego específicos para a mocidade e relacionados coas redes sociais e vinculados co deporte, ocio, moda, traballo, etc.", ademais dun programa específico para neofalantes.

Obxectivos
Canda a este, outras das metas do departamento serán, segundo a memoria da Xunta, continuar coa participación no programa Interreg V-A España-Portugal, no proxecto denominado "Patrimonio Cultural da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal: Valoración e Innovación" centrado en "xeorreferenciar a toponimia galega (Nomenclátor)". Para este labor anúnciase a colaboración coa RAG e o desenvolvemento (ao igual que no pasado ano) dunha aplicación de xeolocalización para os nomes de lugar. É de supor que os fondos para esta colaboración sairán da partida "outros convenios". Do mesmo xeito mantéñense obxectivos xa listados en anos anteriores, co Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Económico 2016-2020 como principal eixe. O conselleiro anunciou tamén que dentro dos orzamentos se destinarán 100.000 euros ao desenvolvemento da Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa.

LIBROS


O programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais contará en 2019 con 19.063.465 euros, 226.000 máis do que no proxecto de contas en execución. Este incremento global beneficia o apartado de transferencias de capital, que suma 175.000 euros e acada 1.709.000. Pola contra, diminúen os fondos dedicados a investimentos, que perden 263.000 euros e fican con 3.260.000.

Apoio ao libro
En xeral, o apoio ao libro galego nas contas para 2019 mellora de xeito leve. Por unha banda, increméntanse en 70.000 euros as axudas para Lotes fundacionais e adquisición de fondos bibliográficos para as bibliotecas, que acadan 495.000 euros, o que compensa e duplica a perda que tiveron hai dous exercicio. Pola contra, a liña de "Edición do libro en galego" perde 7.000 euros e fica en 171.000. Cabe lembrar que este apartado perdeu 200.000 euros nas contas para 2017, e que en 2018 só recuperou 30.000. Tamén perde 10.000 euros a liña de apoio á "promoción, produción e edición do libro en galego", que fica con 200.000 euros, a mesma cantidade que se lles prevé transferir aos concellos para adquisición de novidades editoriais. Esta partida, que se mantén estable a respecto das últimas contas, continúa a ser a metade que na súa posta en marcha, hai dous exercicios. Desde Política Lingüística a liña de apoios a proxectos editoriais en galego mantén os seus 170.000 euros, co que en total a suma destas partidas chega a 1.236.000 euros, 53.000 máis do que no pasado exercicio.

As feiras
A desaparición da partida específica para feiras de libro, dotada o ano pasado con 7.000 euros e antes con 30.000 no semella verse compensado por ningunha outra partida. Se no anterior exercicio se entendía que sería o apartado de " Axudas a institucións sen fins de lucro en materia cultural" o encargado de sufragar en boa medida este programa da Federación de Libreiros, a desaparición da primeira partida e a conxelación da segunda apuntan unha diminución ou cando menos unha reorientación no financiamento desta actividade. No entanto, Román Rodríguez asegurou ante o Parlamento que o programa de feiras do libro en Galicia contará, como en anos anteriores, cunha achega de 120.000 euros por parte da Consellaría. En canto á presenza en eventos internacionais, logo da polémica que se desenvolveu este ano sobre o xeito en que as editoriais están presentes nestes eventos, os orzamentos manteñen a súa achega en 247.000 euros, un estancamento que racha a tendencia crecente desta partida ao longo dos últimos anos. A nova liña de "Axuda á promoción nacional e internacional de creadores galegos", dotada con 30.000 euros, pode compensar en certa medida este descenso. Cabe supor que será esta liña a que sufrague as axudas a novos creadores no ámbito da literatura, a tradución e a ilustración que anunciou o Conselleiro de Cultura ante o Parlamento. É de destacar nas contas a importante mingua que sofre a partida destinada a "promoción da lectura e do libro", que perde 38.000 euros e fica en 185.000.

Bibliotecas e arquivos para os concellos
En canto ás bibliotecas, a principal novidade é a aparición do novo programa de bibliotecas itinerantes orientado a concellos que carecen de instalacións deste tipo, e que nace con 110.000 euros que xestionarán os gobernos locais. Tamén son os concellos os protagonistas das melloras no ámbito dos arquivos, que ao igual que o ano pasado concentra os incrementos do programa de Bibliotecas, Arquivos e Museos. Segundo Román Rodríguez, ao apoio aos concellos neste campo increméntase nun 66% a respecto do pasado exercicio. Así as entidades locais contarán con 42.000 euros máis para diferentes iniciativas nestes campos. Tres mil destes súmanse á partida de axudas para dinamización bibliotecaria e cultural dos centros municipais (198.000 euros), que corresponden co programa Ler Conta Moito, 29.000 ás "Axudas para investimentos en arquivos" (100.000) e 10.000 incorpóranse ás axudas en materia de arquivos (35.000) para entidades non lucrativas. Mantéñense ao mesmo nivel os 350.000 euros de Axudas para investimentos en Bibliotecas logo do espectacular incremento que sufrira o pasado ano desde o 197.000 euros. En xeral, semella que se mantén a tendencia dos últimos exercicios de dotar de máis fondos os concellos neste ámbito. En paralelo. a estes investimentos sofre un forte incremento o orzamento de "Proxectos, informes e dirección en materia de arquivos" que pasa de 59.966 euros a 135.000, o que consolida unha traxectoria ascendente desde os 25.631 euros que lle adxudicaban hai dous exercicios.

Sen cambios
Polo resto, os fondos destinados tanto a bibliotecas como arquivos manteñen as súas contías estables, coas partidas de Sistema Bibliotecario de Galicia (335.000 euros) e de Actividades difusoras e de promoción de arquivos (161.250 euros) como os principais investimentos canda ás bolsas para arquivos (107.406) e as de bibliotecas (216.940). Canda a eles os fondos para equipamento de bibliotecas (90.000), mobiliario de arquivos (24.000), fondos para maquinaria e instalacións de arquivos (17.200) adquisición e restauración de patrimonio documental (23.336), publicacións en materia de arquivos (10.000), obras de conservación de arquivos (35.000) e de bibliotecas (60.000), promoción e difusión de arquivos (8.000) ou actividades de animación á lectura en bibliotecas (98.000) continúan sen modificacións. A nivel estratéxico, a memoria que acompaña os orzamentos non apunta novidades no campo do libro nin das bibliotecas, para alén de repetir propostas como o reforzo da biblioteca dixital Galiciana e outras melloras xenéricas neste campo que reproducen as propostas de anteriores contas.