Titiriberia celebra dez anos de monicreques en Rianxo

O festival ofrecerá seis estreas de producións galegas

Titiriberia, o festival de monicreques tradicionais que se celebra cada verán en Rianxo, chega este ano á súa 10ª edición cun programa que do 12 ao 17 de agosto ofrecerá unha trintena de actuacións a cargo de 19 compañías procedentes de diferentes puntos de Galicia, así como de Aragón, Navarra, País Vasco, Valencia e Portugal. Na carteleira, destaca a estrea de seis espectáculos galegos: 'Teatro de mochila' e 'Cantar do ano', da compañía Seisdedos; 'Pituquito Literal,' de Trécola, e 'Costureiriña bonita', de A Cova das Letras, ademais de dúas producións do propio festival. Trátase de 'A festa dos títeres', montaxe inaugural da mostra coa participación das formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán, e 'As varietés de Barriga Verde', proposta para todos os públicos conducida Raquel López Cendán e durante a que actuarán a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e titiriteiro Santi Prego, Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Diáspora, Tanxarina, Larraitz Producións Artísticas, Laboratorio Fantoche, Babaluva, Nao Caracola e Os Monicreques de Kukas completan a representación galega nesta décima edición, na que participan tamén compañías de Portugal (a devandita Red Cloud), Aragón (Teatro Arbolé), País Vasco (Tenderete e Toti Martínez de Lecea, Gorka Hermosa e Edurne Zabalo), Navarra (Firulete) e Valencia (El Ball de Sant VIto). Como en anos anteriores, a organización aposta pola descentralización do seu programa, que ten os seus epicentros no Auditorio Municipal e no Campo de Arriba, pero que leva tamén os monicreques a parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna ou Araño, ademais de a outros lugares emblemáticos do concello como a praia de Tanxil.
Ligazóns