O Titiriberia encara o ecuador da súa oitava edición

O festival de monicreques tradicionais en Rianxo mantén unha intensa axenda de cara á fin de semana

O festival de monicreques tradicionais en Rianxo mantén unha intensa axenda de cara á fin de semana
A regadora do asubiote, de Viravolta Títeres
O 'Titiriberia: Festival de títeres tradicionais', organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até o domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Hoxe cruza o seu ecuador e mantén unha intensa axenda de espectáculos ata o seu final, que combina con obradoiros e interesantes mesas de encontro arredor desta arte escénica tradicional universal. Neste 2023, o festival está a ofrecer desde o pasado luns no municipio rianxeiro 24 funcións, que corren a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal. O cartel combina formacións pioneiras dos bonecos en Galicia como son Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Trécola ou Viravolta con nomes consolidados con longa traxectoria como son A cova das Letras, Os monifates, Diáspora, Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, ou Títeres Alakrán.

Hoxe xoves terá lugar unha das estreas de Titiriberia, a coprodución de 'Coa música a outra parte', de Trécola. Hoxe tamén pasarán polo programa de espectáculos a compañía Ostomila Títeres (Euskadi/Nicaragua) coa montaxe 'Las aventuras del coyote y el conejo'; 'Marieta e o boi bumbá' de Trapusteros Teatro (Aragón/Brasil) e 'A regadora do asubiote' de Viravolta Títeres. As Varietés de Barriga Verde reunirán o venres 29, baixo a condución de Clara Gayo, as actuacións de artistas como Santi Prego, Ura Vázquez, ou Títeres Alakrán veránse complementadas no programa de mañá co espectáculo 'Viva Vivaldi' de Os monicreques de Kukas (Galicia). O sábado o festival ofrecerá o Titiricircus de Tanxarina Teatro. Ostomila Títeres presentará ese día outro dos seus espectáculos: " Alaia Galtzagorria / Contos da nosa mitoloxía" e tamén será a ocasión de ver o tradicional luso Teatro Dom Roberto a cargo da compañía Red Cloud Teatro de Marionetas (Portugal). Pola súa banda, Seisdedos ofrecerá O Cego dos Monifates: Romance de Peito de Lobo o domingo 30 e para pechar o programa, contarase un ano máis coa implicación de Teatro Airiños. A histórica formación celebrará no Titiriberia o seu 90º aniversario o domingo 30 coa última representación de 'República Sideral', texto da tamén rianxeira Esther Carrodeguas merecente do Premio Barriga Verde para textos de monicreques que convoca de forma bienal a Xunta a través da Agadic.
Ligazóns