
Diferentes espazos do Concello, como o auditorio de Rianxo, a Casa de Cultura Cuartel Vello o Centro Social da Atalaia-Asados, o Centro Cultural e Deportivo de Taragoña, o Centro Sociocultural A Capela do Araño ou os soportais da Praza Castelao, acollerán as actividades do programa, que inclúen actuacións de Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus, Fran Rei ou a Cova das Letras. A maiores, desenvolverase unha nova edición de As varietés de Barriga Verde producido en exclusiva para o festival e conducido por Iria Pinheiro. O espectáculo mestura monicreques, cabaré, música, poesía ou escapismo coa participación de Esther Carrodeguas, Tero Rodríguez, Lucho Penabade, Pajarito, María Dobronich, Borxa Ínsua ou Lázaro Duyos.
No campo das exposicións, Onde foi Barriga Verde? convidará á reflexión sobre o títere tradicional galego e a súa desaparición, mentres Barriga Verde e a arte dos Silvent abordará o xeito no que os artistas levaron este personaxe por feiras e festas de todo o país. Pola súa banda, Kinetiko producida para o evento por Xirapaus, estrea unha colección de autómatas feitos en madeira que recupera esta antiga forma de bonecos articulados. No ámbito da reflexión, a mesa redonda A innovación da Cachaporra reflexiona socbre novos xeitos para traballar esta tradición escénica con Santi Prego, Inacio Vilariño e Alba Grande e a moderación de Comba Campoi.