As contas da cultura 2019: Patrimonio e Turismo

Os fondos destinados ao turismo son os que máis medran entres os que dependen de Cultura

Os fondos destinados ao turismo son os que máis medran entres os que dependen de Cultura
Mosteiro de Pantón. Foto: Turismo.gal
A Xunta renova a súa aposta polo patrimonio como eixe das políticas culturais e achégalle o segundo maior incremento de fondos nas contas para o vindeiro ano. No entanto, é a Axencia de Turismo de Galicia, cun 10% máis orzamento a que lidera as mellorías. A rehabilitación de edificios e a posta en marcha de proxectos de dinamización vencellados ao vindeiro Ano Santo como a convocatoria aberta "O teu Xacobeo", aparecen como os principais impactos desta celebración na cultura do país.

Patrimonio


O programa "Protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural" é o que obtén, ao igual que no pasado ano, un maior incremento entre aqueles dedicados a cultura. A Dirección Xeral correspondente contará nesta xeira con 5,7% máis fondos, e desta volta serán 16.481.000 os millóns de euros que se dedicarán a este obxectivo, 1.349.000 euros a maiores. Desta contía, as subas concéntranse ademais nos capítulos de investimentos, que disporá de 1.047.000 euros máis ata un total de 7 millóns de medio, e mais no de transferencias de capital, que conta con 485.000 euros fronte os 355.000 do pasado ano.

Recuperación patrimonial
De xeito máis concreto, cabe destacar o incremento duns 587.000 euros na partida destinada a "Intervencións en edificios e outras construcións", que se sitúa así en 4.330.296 euros. Un incremento similar, pero porcentualmente moito maior, é o que obteñen os fondos para "Conservación, protección e consolidación de xacementos arqueolóxicos" que case se triplican ao pasar de 300.000 a 824.000 euros e manteñen unha forte tendencia ascendente, a partir dos preto de 100.000 con que contaban en 2017. Tamén mellora en 72.000 euros a partida de "Catalogación e inventario do patrimonio cultural", que cobre traballos de delimitación das rutas xacobeas e que acada así 537.568 euros. É de supor que será tamén esta partida a que cubra a redacción dos decretos de declaración dos BICs xa incoados, como os de Cova Eirós ou da Carpintería de Ribeira, que se abordarán este ano, segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ante o Parlamento. Os concellos pola súa banda contarán con 10.000 euros máis, un total de 100.000, en axudas e convenios para a conservación destes bens. Fronte a estes incrementos, a única partida orientada á restauración que perde peso é a de "Intervencións no patrimonio cultural e nas infraestruturas culturais" vencelladas ao "Investimento de reposición asociado ao funcionamento operativo dos servizos" da Consellaría, que perde 270.000 euros e fica en 1.138.594.

Os anuncios
Neste aspecto, o Conselleiro anunciou fortes investimentos na restauración de bens patrimoniais, especialmente vencellados ao camiño de Santiago, aos que se suma como novidade unha liña específica destinada a bens de carácter etnolóxico que se desenvolverá desde a Secretaría Xeral de turismo. Na súa intervención ante o Parlamento, Román Rodríguez listou intervencións en proceso de licitación ou recentemente anunciadas, como son as do Mosterio de Ferreira de Pantón (550.000 euros), o Mosteiro de Carboeiro (350.000), a igrexa de Santa María de Baiona (520.000), a igrexa de Nantes en Sanxenxo (200.000) ou a da Trindade en Ourense (400.000) así como a continuación das obras na Muralla de Lugo, que absorben 600.000 euros anuais, e as da Catedral de Santiago. Na mesma liña, e segundo informou recentemente a Consellaría, para o ano 2019 está prevista a licitación do proxecto básico e de execución de obras de conservación das fachadas do mosteiro de Moraime, en Muxía, por un importe de 456.762,90 euros. O conselleiro apuntou que total hai redactados xa proxectos de restauración por valor de 8,5 millóns de euros e investimentos en marcha de 4,5.

Financiamento externo
No entanto, o groso das actuacións que quere desenvolver a Xunta neste campo fíase a un convenio pendente de asinar co Ministerio de Cultura. Polo mesmo, preténdese conseguir un investimento de 100 millóns para a rehabilitación de 41 Bens de Interese Cultural nas Rutas Xacobeas de cara ao 2021. Canda a isto, non se debe esquecer a importancia dos fondos europeos aparecen como unha grande achega para cubrir este tipo de obras de recuperación. Deste xeito, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 intégranse proxectos xa en curso ou pendentes de realizar como obras na Catedral de Ourense, no mosteiro de Montederramo, no convento da Mercé de Verín ou na igrexa da Santa Cruz do Incio. Canda a estas, hai que contabilizar no campo do patrimonio as achegas que se realizan desde a Consellaría do Mar. Ao igual que no pasado ano, apoiaranse as iniciativas da Asociación de Carpintaría de Ribeira con 28.000 euros e o programa de fomento da recuperación das embarcacións patrimoniais da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial con 46.756, en apoio da declaración da Carpintaría de Ribeira como Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial.

Continuidades
No resto de apartados as partidas dedicadas ao patrimonio fican igual, con 133.334 euros de convenios con entidades non lucrativas neste campo, 208.938 para adquisicións de bens culturais, 380.000 de restauración e conservación de pinturas murais e retablos ou 120.000 do convenio coa Igrexa para "Intervencións no patrimonio". Do mesmo xeito, as transferencias de capital a universidades nestes campo (30.000), os convenios con empresas privadas (25.000) e con entidades non lucrativas (25.000) para intervencións arqueolóxicas non presentan novidades. Estas últimas entidades contarán tamén de novo con 50.000 euros das axudas para a conservación e protección do patrimonio cultural.

Mudanzas en museos
No apartado de Museos, pola contra, os investimentos presentan importantes mudanzas. Por unha banda, sobe en case 250.000 euros a partida orientada a actividades difusoras de museos e infraestruturas culturais, que acada os 800.000. Ademais estes centros verán incrementados os seus fondos para "Restauración de patrimonio moble e documental" de 11.000 a 30.000 euros e contarán con 75.000 euros (fronte os preto de 45.000 de 2018) para adquisicións de maquinaria e instalacións. Pola outra, os fondos para "Adquisición e restauración do patrimonio moble e documental" fican con 100.000 e hai unha drástica diminución nas "Adquisicións de mobiliario e utensilios para museos", que pasa de 798.000 euros a só 150.000. O avanzado de proxectos como a Casa Museo de Cunqueiro ou o Museo do Viño en Ribadavia (que tamén contou con fondos FEDER para a súa realización), xa equipados, poden explicar a mingua deste apartado.


Turismo



O crecemento e o impacto cultural
A Axencia de Turismo de Galicia preséntase como o apartado a Consellaría que obtén un maior incremento de fondos no vindeiro exercicio, cunhas cifras un 10,4% superiores ás do pasado ano. En total serán algo máis de 64 millóns de euros os que manexará a entidade que preside Nava Castro, integrada este mesmo outono na estrutura da Consellaría de Cultura. Dentro da da mesma, son as transferencias correntes e as de capital as que obteñen un maior incremento porcentual, en concreto un 10,7 e un importante 32,8% que sitúan este último epígrafe cuns fondos de 14.026.000 euros, case catro máis do que no pasado ano. Destes as dotacións específicas para o Xacobeo abranguen, segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez en sede parlamentaria, 7,4 millóns de euros. Dos mesmos dous irán destinados á convocatoria aberta de proxectos O teu Xacobeo, á que se poderán presentar diferentes proxectos culturais vencellados á ruta. Outro millón será para as xa comentadas axudas para a recuperación do patrimonio etnolóxico vencellado ás vías de peregrinación, e o resto, segundo el, a outras actividades e programas como o festival O Son do Camiño, que xa o ano pasado absorbera 3 millóns de euros das arcas públicas.

Traballos nos camiños
En accións sobre os propios camiños, Rodríguez anunciou a ampliación do contrato de conservación e mantemento sobre as oito rutas principais de peregrinación con cinco millóns de euros. Ademais, adiantou unha especial aposta pola Vía da Prata con 3 millóns de euros de fondos para mellora e sinalización de vías. En total segundo asegurou Rodríguez, destinaranse en 2019 "12 millóns para a conservación, mantemento ou sinalización dos Camiños de Santiago, así como para a Rede de Albergues". Dentro dos fondos da Axencia, a SA de Xestión do Xacobeo disporá de máis de 4,5 millóns de euros para o seu funcionamento da man da Axencia de Turismo, dos cales 1.440.000 euros se destinarán á posta en marcha, mediante concesión, do complexo do Monte do Gozo. Tirada esta contía, que supón unha nova partida, os fondos da SA apenas medran a respecto do pasado exercicio.