Oliver Añon gaña o XIIIº Premio Castelao de Banda Deseñada

A modalidade LIX do certame da Deputación coruñesa quedou deserta

A modalidade LIX do certame da Deputación coruñesa quedou deserta
Mostra do traballo gañador Canción para afundir flores no mar, do ilustrador e animador Oliver Añón Lema Fonte: Deputación Provincial da Coruña
A obra Canción para afundir flores no mar, do ilustrador e animador Oliver Añón Lema, (Barcelona, 1982) , é a gañadora da nova edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña na categoría xeral. Será a primeira obra publicada polo autor residente na Coruña. O xurado valorou que a obra gañadora é "graficamente impecable, moi ben debuxada, coherente, con bo uso do branco e negro". Destaca tamén a capacidade do autor de aproveitar "as posibilidades do medio a través da narración visual". O premio consiste en 6.500 € máis a publicación da obra. Canción para afundir flores no mar está construída sobre unha trama principal na que se entrelazan pequenas historias con personaxes particulares deixando ver un relato con presenza autobiográfica. Na modalidade de obras LIX do certame, para o público infantil e xuvenil, o xurado decidiu declarala deserta ao non acadar as obras presentadas o nivel de calidade esixible para o galardón

Oliver Añón elaborou a obra vencedora con técnica dixital por medio dunha tableta pero seguindo o sistema tradicional mediante o debuxo por medio dun lapis directamente na pantalla. O acabado semella o resultado do uso de tinta china. Oliver Añón naceu en Barcelona en 1982 onde estaba a súa familia emigrada, e regresou con só un ano á Coruña. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e doutorado no programa "Tempos e lugares da arte Contemporánea" pola Universidade de Barcelona, Oliver Añón comezou a traballar na capital catalá para produtoras e axencias, desenvolvendo nelas proxectos e realizando traballos de ilustración, deseño de personaxes e animación para publicidade e televisión. No ano 2015 regresou á Coruña onde fundou estudo propio desde o que traballa actualmente como freelance para proxectos comerciais e outras colaboracións profesionais.

O xurado da XIII edición do Premio Castelao de Banda Deseñada estivo composto por profesionais da banda deseñada como María del Carmen Moreu Bibian, José Mato Fondo, Sara Prieto Puy, Héctor Real Arregui e Beatriz Lema -gañadora da edición anterior- e presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, coa xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria.