A Real Academia Galega institucionalizou en 1963 o Día das Letras Galegas para dar a coñecer a nosa cultura e identidade

Elixir un nome

Manuel Gómez Roman, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego presentaron o 20 de marzo de 1963 nun plenario da Real Academia Galega unha proposta que marcaría un fito: institucionalizar o 17 de maio como Día das Letras Galegas. Corenta anos despois os obxectivos e as formas que derivaron da necesidade de crear ese día mudaron; sen embargo a RAG continúa a levar o facho da cultura decidindo a figura arredor da que se celebra o día determinante dentro da cultura galega.

A RAG instituíu un Día das Letras Galegas, coa aprobación do Ministerio de Información e Turismo, para conmemorar o primeiro centenario da publicación do libro “Cantares Galegos” de Rosalía de Castro. A obra que marca o inicio do rexurdimento da cultura e da literatura galega logo dos séculos escuros. A falta dunha data fiable da súa publicación, os académicos tomaron como punto de referencia o 17 de maio porque é a data da dedicatoria que Rosalía lle fixo do libro á escritora Fernán Caballero. Ese ano, a Academia decidiu que a persoa á que se lle tiña que dedicar ese galardón, daquela cunha singularidade especial dada a posición social do galego, era Rosalía de Castro.



¿Quen decide a quen?

Desde entón é a RAG a encargada de decidir quen é o elixido cada ano no Día das Letras. E o procedemento pasa polas canles normais da Academia. Manuel González, secretario da RAG explica o procedemento. “As candidaturas, que teñen que ser presentadas con tempo de antelación á votación, han de estar asinadas, como mínimo, por tres candidatos”. Moitas veces chegan propostas de fóra da propia Academia, de colectivos sociais e culturais que ofrecen unha proposta interesante e susceptible de ser tomada en consideración. Nestes casos, explica Manuel González “no plenario dáselles lectura pero non se consideran para a votación, a non ser que algunha delas sexa recollida por tres académicos que a avalen”. Iso si, os candidatos propostos finaron, como mínimo, dez anos antes do seu nomeamento.



Xa coas candidaturas, que poden ser máis de dúas, ten lugar a votación, que se somete ás regras da propia Academia e que se celebrará o primeiro plenario logo da celebración do Día das Letras Galegas. É dicir, na primeira xuntanza dos académicos inmediatamente despois de celebrarse o 17 de maio. Unha anterioridade que, segundo o secretario da RAG, establécese “un pouco para dar tempo á que a xente vaia facendo traballos sobre a figura homenaxeada”.



A decisión sobre o que vai facer a Academia no Día das Letras é sempre posterior. “Nese plenario, explica Manuel González, de carácter extraordinario e público, hai unha proposta da executiva da academia sobre os actos que se van celebrar”. E eses actos acostuman ter lugar no concello ao que máis vinculado estivo a figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Por exemplo, este ano en que Avilés de Taramancos é a persoa homenaxeada será en Noia onde se celebre a ofrenda floral e o plenario da Academia.





O paso do tempo


O obxectivo fundamental e o obxectivo da creación deste día foi o de dar a coñecer unha figura que fose relevante dentro da historia das letras e da cultura galega. Pasa que hoxe a situación mudou con respecto ao ano 63, cando se institucionalizou o Día das Letras Galegas, por iso os cometidos, lonxe de perderen o seu sentido orixinal, tiveron ademais a importancia de achegaren a Academia ao común da xente. Así o explica o secretario da RAG: “o que antes era unha maneira de fomentar o estudio de figuras que non sempre foron estudiadas debidamente da nosa tradición literaria e cultural, e unha maneira de reivindicar a presencia e a vivencia da nosa identidade cultural e lingüística é tamén unha maneira de dar a coñecer a existencia da Real Academia Galega”. E isto explica o interese polo que estes actos se levan aos distintos puntos de Galicia de onde é a persoa homenaxeada. “É -recalca Manuel González- unha maneira de que a RAG estea presente co pobo e de que os concellos que están sintan máis de cerca a Academia e non o vexan como un ente distante e apartado”.



Desde o 1963 numerosos colectivos sociais e culturais foron interiorizando a proposta da RAG e o que comezou sendo un acto oficial, acabou sendo un pretexto para que as agrupacións culturais de Galicia e da emigración celebren actos propios: conferencias, recitais, lectura de poemas, presentacións e exposicións de libros.... que é o máis habitual hoxe en día.



Propostas alternativas


En 1975 algunhas aociacións culturais (que se definiron como a fronte cultural da Asamblea Nacional-Popular Galega) amosáronse desconformes coa decisión da Academia, que acordara dedicarlle o día a Pintos. O descontento rematou con que esas asociacións celebraron alternativamente o seu día sendo o homenaxeado Ramón Cabanillas. Ao ano seguinte, a RAG dedicou o Día das Letras Galegas a Cabanillas co
que pechaba así a polémica. Houbo de sempre candidaturas alternativas á proposta da Academia, que non sempre foron recollidas pola RAG. A candidaturas do cura de Fruíme, Ricardo Carvalho Calero, Ramón Piñeiro, Xaquín Lourenzo, Xosé María Díaz Castro ou a Escola Diocesana de Mondoñedo foron algunhas das propostas alternativas que se foron presentando paralelamente aos candidatos da RAG, que é a que ten o poder de decisión en última instancia.



Aínda así existen iniciativas singulares como a do concello de Vilalba que, no 2000, imitando o modelo da Academia, creou o Día das Letras Chairegas como un galardón co que homenaxear a aqueles autores nacidos na comarca que destaquen na súa contribución á literatura.