O MARCO inaugura a mostra 'METRÓPOLE'

O escultor Xosé Manuel Castro protagoniza a parte de exposición individual

Hoxe abre no aínda Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, a polémica exposición METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega comisariada por Rubén Martínez Alonso. Prevista inicialmente para o pasado febreiro, a mostra tivo que aprazarse ante o clima creada pola situación derivada do seu baleiro de dirección e da ausencia de proxecto enfocado na arte contemporánea. Quince destacados artistas de arte contemporánea difundiron nese momento unha carta aberta dirixida ao alcalde da cidade na que comunicaban o seu rexeitamento a tomar parte nesa exposición debido á deriva do centro. O escultor Xosé Manuel Castro é finalmente o protagonista da primeira exposición individual do ciclo que estará vixente ata o 14 de outubro.

Baixo o título Pedra filosofal, a mostra de Castro reúne máis de oitenta esculturas de distintos formatos e materiais, na súa maioría procedentes da colección do artista, ademais dunha obra en madeira producida especificamente para este proxecto, que estará acompañada de fotografías a modo de documentación do seu proceso creativo. O ciclo METRÓPOLE nace cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metrópolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. O proxecto comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado que ofrecerá, no primeiro andar unha recreación do ambiente do Vigo dos anos vinte mediante planos e imaxes de arquitectura vangardista, fotografías e documentos de época, xunto a mobiliario, obxectos, vestiario e pezas decorativas de estilo art déco. O centro mantén ademais a exposición sobre Jules Verne e outra sobre a historia dos miscroscopios.