Os do Fondo da Barra publican o seu primeiro disco "BâNZô"

Os cantareiros de Xacarandaina presentan o traballo cun espectáculo no Teatro Colón

Vencellados como cantareiros da Asociación Cultural Xacarandaina desde a súa creación, en 1993, Os do Fondo da Barra, dirixidos por Quique Peón divulgan a música tradicional galega cantada por homes, como herdeiros dos antigos orfeóns galegos de homes do mar e a terra . Tras todos estes anos levando a súa música en directo polos escenarios, xa fose acompañando ao grupo de baile como en solitario, Os do Fondo da Barra veñen de deixar rexistrado o seu primeiro disco "BâNZô" (Maré), que presentarán no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 30 maio, xoves, pechando o ciclo Folk do recinto. Quince homes compoñen esta formación que ofrece cantos de taberna, cantos mariñeiros e cantos de acompañamento ao baile do repertorio tradicional. En "BâNZô", que xa está dispoñible en plataformas dixitais, presentan once destes temas populares dándolles un tratamento folk actual achegado ás novas correntes utilizando distintos instrumentos de percusión de man e outros como acordeón, gaita, saxofón, tamboril ou bombo con pratos turcos. Estes son temas recollidos por todo o territorio galego, coa pretensión de representar os cantares masculinos da arte inmaterial de Galicia. O espectáculo, dirixido artisticamente por Peón, pretende dar unha visión escénica contemporánea da cultura tradicional.