Viñetas desde o Atlántico convida autores que fixeron a súa carreira en paralelo ao festival

Munuera, David Rubín, Emma Ríos, Homs ou Ángel de la Calle son algúns dos nomes que participarán no encontro

O Concello da Coruña acollía esta mañá a presentación da vixésimo primeira edición de Viñetas desde o Atlántico. O festival de banda deseñada desenvolverase entre os vindeiros seis e doce de agosto na Cidade Herculina cunha nutrida de presenza de creadores que en moitos casos iniciaron a súa carreira á par do evento, tal e como lembrou o seu director Miguelanxo Prado. Un cartel de José Luis Munuera, tamén convidado, presenta un programa no que destacan varios nomes galegos con peso internacional, como son os casos de David Rubín, Tirso Cons ou Emma Ríos. Canda a ela, destaca tamén unha nutrida presenza de autoras, cos nomes de Belén Ortega, Mamen Moreu e Cristina Durán.

O ilustrador José Ramón Sánchez, Ángel de la Calle, Homs e os creadores galegos Xosé Tomás e Bea Lema, gañadora da última edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, completan a listaxe de convidados que contarán con cadansúa exposición. Canda a estes, desenvolveranse como é habitual presentacións, actividades e a Feira da Historieta nos Xardíns de Méndez Núñez con presenza e editoriais e librarías. Co Kiosco Afonso e Palexco como eixe, as actividades desenvolveranse tamén na sede do Concello, na casa da cultura Salvador de Madariaga, onde se poderá ver unha mostra sobre a BD independente galega, ou na Torre de Hércules, que acollerá unha exposición dos carteis de todas as edicións do evento.