A iniciativa “Ponte... nas ondas” coordina os alumnos de cincuenta centros de ensino galegos e portugueses arredor da radio

Unha ponte de palabras

En 1995 inaugurábase unha ponte sobre o río Miño, entre Salvaterra e Monção. Para celebrar o evento, ese mesmo día, doce centros de ensino da zona do Condado e do Portugal miñoto organizaban unha xornada de radio escolar conxunta. Nacía así unha ponte virtual por riba do río e da fronteira. Unha ponte que foi medrando e consolidándose e que agrupa actualmente máis de vintecinco mil alumnos galegos e portugueses. O nove de maio de 2003 celébrase a novena edición de “Ponte... nas ondas”, unha inicitiva que xa supera o ámbito escolar e que se converteu nun fenómeno cultural.

A programación do nove de maio da Radio Municipal de Tui, Radio ECCA de Vigo, da Radio Municipal da Guarda, da radio “Ecos da Raia” de Monçao, a “Inês Negra” de Melgaço e a radio “Cultural” de Vilanova da Cerveira será especial. Durante vintecatro horas, cincuenta grupos de alumnos de ensino primario, secundario, e mesmo estudiantes universitarios, ocuparán os micros para falar en directo sobre o patrimonio inmaterial do mar. Onda eles, participarán no evento a cantante brasileira Daniela Mercury, os actores Camila Bossa e Miguel de Lira, a escritora Fina Casalderrey, Manu Chao, o cantautor Fausto, Fuxan os Ventos e o historiador portugués José Hermano Saraiva. Para quen non poida sintonizar as emisoras citadas, existe a posibilidade de seguir a programación por Internet, a través da web pontenasondas.org, desde onde se poderá tamén interactuar cos programas mediante as charlas dixitais ou os foros dipostos na páxina. Esta é a primeira edición en que a programación dura tantas horas, gracias á colaboración de alumnos da Universidade de Vigo que cubrirán o horario na franxa nocturna.



Arredor da radio

A oferta de “Ponte... nas ondas” para o nove de maio transcende o que é unha simple programación de radio. A partir das doce da noite o Pavillón do Berbés de Vigo verase invadido por unha selección de grupos da lusofonía. Quempallou, Lugnasad, Retrincos, Na Virada e Puta Miseria pola parte galega, os portugueses Ronda, as caboverdianas de Batuko Tabanka, o angolano Alberto Mbundi e os brasileiros Renato Spencer e Forró-Brasil encherán de sons a noite de Vigo no festival Mar da Oralidade. Presentando o evento, Xurxo Souto, que colabora gratuitamente, igual ca todos os demais grupos. Paralelamente coa programación de radio, desde a Sala de Telefónica en Vigo, o colexio Seis do Nadal realizará unha videoconferencia coa escola IEMP 156 de Río Segundo en Córdoba, Arxentina. O aspecto intercontinental do evento reforzarase mediante conexións puntuais coa Asociación Internacional de Radios Educativas (AIRE), que agrupa a cento cincuenta radios educativas de Sudamérica que realizan simultaneamente outro maratón de vintecatro horas nas ondas. Unha exposición sobre o patrimonio cultural marítimo organizada coa Federación Galega pola Cultura Marítima, un certame de debuxo, outro de mensaxes de móbil e outro radiofónico completan a oferta para o día.



Doce meses de ondas

Santi Veloso, un dos coordinadores do evento, aclara que “Ponte... nas ondas” non se reduce a un día de radio. “A iniciativa xurdiu en centros de ensino nos que había bastante tradición de obradoiros escolares de radio”, lembra, “as primeiras xornadas foron experimentais e tiveron unha repercusión brutal nas aulas”, o que animou a continuar a iniciativa. “Cada ano a comezo de curso proponse un tema para traballar en común e cada centro vai desenvolvendo unha dinámica arredor”. Na oitava edición o tema foi o Patrimonio Inmaterial, o conxunto de tradicións dunha cultura que se transmiten oral e xestualmente. Para a novena, recuperan este concepto centrándose no patrimonio relacionado co mar, un tema que está dolorosamente de actualidade por causa do Prestige. “Fanse exposicións, os alumnos realizan entrevistas e recollen material”. Todas as actividades coordínanse a través dun grupo en que participan cen profesores, dos centros concorrentes de Galicia e de Portugal. ”Tentamos demostrar que a escola pode ter un papel activo na sociedade, as aulas pódense sacar fóra e tamén se pode levar a sociedade ás aulas”, sinala Veloso. Mentres se emiten os programas elaborados ao longo do ano, nos centros de ensino realízanse actividades relacionadas co evento. Moitos institutos ocupan as súas aulas de informática para que os alumnos participen a través das charlas dixitais, noutros centros tense a radio acesa durante a aula. “organizámolo sempre nun día lectivo para que ese sexa un día especial nos centros”.



Unha ponte que medra

Esta ponte virtual por riba do Miño evolucionou moito nos últimos nove anos. Dos doce centros iniciais chegouse aos cincuenta na edición do 2003, con todos os concellos da zona do Miño representados, desde Vigo ata Porto. Desde que comezou achegáronse a estes micrófonos escolares persoeiros tan destacados coma José Saramago, Federico Mayor Zaragoza, João Afonso, Chico César ou Caetano Veloso... “Buscamos unha relación máis directa co mundo da cultura e desmitificar as ideas sobre xente famosa”, apunta o coordinador do evento. “É complicado seguir medrando, porque xa con todos os centros que participan hai problemas de tempo para que todos poidan facer programas”, lembra Santi Veloso. “Hai solucións coma facer varios días de emisión, pero ten un custo moi grande e hai que pensar que estamos a traballar con estudios cedidos gratuitamente. Pero non é imposible”.



O material das ondas


Para conseguir este obxectivo, contan coa colaboración das emisoras municipais, de Caixanova, do Concello de Vigo, da Radio Galega (que realizará conexións puntuais cos programas de “Ponte... nas ondas”), da Xunta de Galicia e de Telefónica, que fornece a infraestructura necesaria para transmitir a través da rede. A pesar destes apoios e do traballo voluntario de todos os participantes, cada ano custa arredor de trinta mil euros botar a andar o proxecto. “Imprimimos arredor de vintecinco mil dípticos para publicitar a iniciativa”, di Veloso, “os custos redúcense moitísimo porque as radios ceden un día da súa programación gratuitamente, os artistas veñen de balde ao festival...”.




A polos dez anos

Como proxectos máis inmediatos, “Ponte... nas ondas” quere celebrar o seu décimo aniversario con toda unha serie de actos públicos a partir do vindeiro mes de setembro e que darán a coñecer antes do verán. De calquera xeito xa adiantan que a súa principal aposta será propor a declaración como Patrimonio da Humanidade do legado inmaterial galego-portugués, unha iniciativa para a que aseguran que xa contan co apoio de administracións das dúas bandas do Miño. Novos xeitos de ampliar a ponte.