David Rubín acumula catro candidaturas aos Premios Eisner

Dúas obras coa participación do ourensán e o seu traballo co debuxo e a cor compiten nos Óscar do cómic

Os Premios Eisner, considerados os Óscar da banda deseñada que se entregan anualmente na Comic Con de San Diego, California, teñen este ano unha importante presenza galega. O autor ourensán David Rubín acumula catro candidaturas, dúas en solitario e outras dúas como parte do equipo doutros tantos proxectos, no que supón unha marca para a banda deseñada do país. De xeito individual, Rubín opta ao premio ao mellor emprego de lapis e de tinta polo seu traballo nas series Black Hammer números 9 a 12, Ether, e Sherlock Frankenstein, toda elas publicadas pola editora Dark Horse, e mais pola edición americana da obra monográfica Beowulf, lanzada por Image e editada orixinalmente pola vasca Astiberri. Ademais, o ourensán está nomeado na categoría de mellor cor polo seu labor nestes mesmos títulos.

Canda a estas candidaturas individuais, o debuxante galego fai parte da candidatura de Black Hammer, que debuxa canda a Dean Ormston sobre guións de Jeff Lemire, ao premio á mellor serie de continuidade. Ademais, a adaptación de Beowulf que realizou con guión de Santiago García está nomeada ao galardón á mellor adaptación doutro medio. O resultado dos galardóns coñecerase o vindeiro 19 de xullo na Comic Con de San Diego.