A intervención no Faro de Budiño. Foto: Proxecto Arqueoloxía no Faro de Budiño
"Todos estes asentamentos no oeste peninsular son coñecidos pero nunca foron arqueoloxicamente descritos nin a nivel cronolóxico nin funcional", afirma o arqueólogo Mario Fernández Pereiro, quen realizou a semana pasada unha intervención arqueolóxica nun destes recintos fortificados, o Faro de Budiño, na parroquia de San Salvador de Budiño (O Porriño). Pereiro redacta a súa tese de doutoramento sobre estas fortificacións en altura ao redor da Depresión Meridiana, a falla xeolóxica que fractura o occidente de Galicia entre Tui e Carballo. Ao redor deste fenómeno xeográfico recoñeceu dúas zonas "quentes": o val da Louriña, entre Tui e Redondela, e o val da Mahía, entre Padrón e Compostela. Só neste último val, Mario Fernández Pereiro identificou a través da documentación, a bibliografía e a prospección, doce sitios arqueolóxicos que cumpren estas características.
Por que non se investigou sobre estes lugares ata agora? "A nivel histórico trabállase con documentación, e esta aparece do século IX en diante. E tradicionalmente, a arqueoloxía galega centrouse na prehistoria e na época romana", sinala Pereiro. E estes lugares parecen corresponder, segundo as hipóteses que manteñen os arqueólogos, á época intermedia. Un periodo conflitivo dividido por épocas con "interregnos", espazos entre a consolidación de poderes rexios. Serían os que levan da caída do Imperio Romano á implantación do reino suevo, o tránsito entre este e o visigodo, así coma os episodios posteriores de caída do poder cristián e a chegada aos musulmás da península. "Pero durante a carreira nunca me ensinaron arqueoloxía sobre esta época", engade o arqueólogo.
Este baleiro de coñecemento non só se daba en Galicia. Noutras partes de Europa estas fortalezas de grandes dimensións tamén foron grandes descoñecidas. Os estudos iniciáronse, en lugares coma o val do río Douro, no litoral mediterráneo francés e no centro de Italia, desde hai apenas quince ou vinte anos. Porque este fenómeno das grandes fortalezas non é único de Galicia. Parece estar vinculado ao mesmo contexto en toda Europa.
O Faro de Budiño
Con financiamento da bolsa de investigación posdoutoral do director da súa tese, o profesor da USC Jose Carlos Sánchez-Pardo, Mario Fernández Pereiro decidiu abordar a investigación arqueolóxica dunha destas fortificacións do val da Louriña: o Faro de Budiño, un espectacular emprazamento sobre o Porriño e o seu polígono industrial. Mario Fernández Pereiro coñecía as dificultades de escavar estes recintos, nos que malia as grandes murallas que os delimitan, se localiza unha cultura material moi escasa e pouco definida desde o punto de vista cronolóxico. Nada que ver coa excavación dun castro ou dun asentamento romano, onde aparecen numerosos materiais. De feito, o arqueólogo lembraba unha intervención no máis grande destes recintos de Galicia, o monte Aloia, en 2001, onde os resultados da intervención foron moi escasos.
Acompañado do tamén arqueólogo Francisco Alonso Toucido, abordaron a escavación dunha pequena área dentro dun gran edificio cuadrangular de case 900 metros cadrados de superficie. A escavación, a semana pasada, tivo tintes de resistencia: por eles pasaron dous temporais de chuvia, sarabia e ventos xélidos. Os arqueólogos deron aberto unha área de 15 metros cadrados. O rexistro arqueolóxico, sen ser exhuberante, ofreceu datos ben interesantes.
Os científicos puideron documentar un gran derrubo da estrutura e localizaron, no mesmo sitio no que caeu, un gran tellado de tegula romana en imbrice. O tellado caera de súpeto, derrubado, e puideron documentar unha gran cantidade de carbóns que evidenciaban que a caída do tellado se debera a un forte incendio que rematou co abandono da estrutura. Por baixo dese tellado, a excavación permitiu recuperar tres cacharros fragmentados, pero case enteiros. Tratábase de pezas de cerámica común feita a man, con pouca complexidade técnica e sen decoración, o que provoca que sexan difíciles de cadrar cronoloxicamente. Aínda así, os científicos estiman un dilatado periodo entre o século V e o VIII-IX. A maiores, recuperaron dous fragmentos de vidro e tamén de cerámica engobada romana.
Aínda máis abaixo, os arqueólogos atoparon un muro doutra estrutura anterior, que non segue a planta do superior, sinalando que o uso do Faro de Budiño tivo diferentes fases de ocupación. Os dous muros estaban construídos de maneira distinta. Afortunadamente, a datación dos carbóns do incendio poderá precisar máis o momento de derrube do gran edificio.
"O futuro do que logo será Europa comeza nesta época", sinala Mario Fernández Pereiro, explicando o seu interese por este período tan descoñecido. "Nós asumimos que son as comunidades locais, sobre todo en base a elites locais, quen está detrás da creación deste tipo de asentamentos". Nunha época de caída e nacemento de reinos e poderes, houbo grupos humanos que decidiron construír fortificacións enormes, coma o Castro Valente, en Padrón, con doce hectáreas de extensión. A escavación no Faro de Budiño confirma que as hipóteses cronolóxicas estaban certas. Pero quen as fixo, por que tiñan ese tamaño e para que, continúa a ser un misterio.






