O prisioneiro perdido

Un arco de triunfo en Francia pode gardar a primeira representación dun guerreiro galaico vencido

Un arco de triunfo en Francia pode gardar a primeira representación dun guerreiro galaico vencido
Á dereita, o posible guerreiro galaico do Arco de Carpentras.
Nunha pequena cidade provenzal aínda é visible un monumento no que aparece a que pode ser a primeira representación coñecida dun prisioneiro galaico das guerras contra Roma. Todo un resume gráfico da vitoria romana na súa guerra de conquista do Noroeste. Atópase nun arco de triunfo dedicado ao emperador, canda outras tres figuras, e abraia cando se mira sabendo esta interpretación. A súa atribución como guerreiro galaico xorde a partir das investigacións para solucionar un gran crebacabezas arqueolóxico na antiga Tarraco, capital da metade norte da Hispania romana. E o catedrático da Universitat Rovira i Virgili Joaquín Ruiz de Arbulo cre que non é a única.

No arco romano de Carpentras, de principios do século I d.C. hai catro figuras de cautivos. Na maior parte da bibliografía internacional sobre o monumento, hai consenso ao redor do que representan dous deles, porque levan atributos habitualmente empregados en Roma para identificar a etnias e pobos que se enfrontaron a Roma. Os outros dous figuraban sen interpretación, baixo o impreciso título de "bárbaros". Pero o catedrático de Arqueoloxía de Grecia e Roma da Universitat Rovira i Virgili, Joaquín Ruiz de Arbulo, cre que a figura do Oeste ten unha lectura moi clara. O guerreiro está encadeado coas mans nas costas, ten unha forte musculatura, viste unhas rudas capa e túnica de la para protexerse do frío, ten poboada barba e unha melena levada polo vento. Aos seus pés hai un símbolo determinante: a característica falcata, a espada de filo curvado típica da Iberia prerromana. "É un cativo galaico", afirma na súa proposta o arqueólogo.

Para chegar a esta conclusión debemos acompañalo no intento de solución do enorme crebacabezas científico no que traballa co seu equipo de investigación desde hai décadas e que explicou no marco dunha conferencia impartida na Facultade de Historia compostelá para o Master Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Falamos con detalle para coñecer os pormenores da interpretación que nos leva a esta imaxe insólita.

O labirinto da arqueoloxía urbana
O equipo científico da Universitat Rovira i Virgili está centrado nun aspecto deixado de lado moitas veces na investigación arqueolóxica: a recompilación e interpretación de datos das escavacións urbanas. No caso de Tarragona, a antiga Tarraco romana, as últimas tres décadas de febre construtiva xeraron unha inmensa cantidade de datos, miles de páxinas de informes técnicos e metros e metros de pezas almacenadas con a penas unha catalogación básica nos almacéns dos museos. O equipo arqueolóxico de Ruiz de Arbulo procesa esta literatura gris desde desde o punto de vista da arquitectura de urbanismo. "Agora estamos en condicións de propoñer unha restitución de toda a trama urbana e mesmo crear reconstrucións en 3D", sinala Ruiz de Arbulo.

"Como os romanos non tiñan televisión, precisaban recursos para que todo o mundo formara parte da cultura imperialista. O urbanismo é o elemento diferenciador con respecto a etapa anterior, a clave que explica o éxito de funcionamento do Imperio romano. Todas as actividades de xestión levábanse desde as cidades", explica con sinxeleza Ruiz de Arbulo. "Polo tanto, toda cidade romana tiña que ter espazos de xustiza, de política e de relixión. Todos estes espazos eran tratados de maneira homoxénea, e tiñan un sistemas decorativos, con estatuas e inscricións. Unha vez que entendemos isto, decatámonos de que todos estes sistemas arquitectónicos e decorativos son moi similares en todas as cidades do Imperio".

En Tarraco, capital da Hispania Citerior (a metade norte da península), houbo dous foros en época romana. No foro inferior, en época de Augusto (ao redor do cambio de milenio), instalouse o tribunal do gobernador da provincia, e iso fixo que o foro se decorara con elementos de homenaxe ao emperador. "Un destes monumentos é o que se chama un tropheum, unha árbore cargada con armas recollidas despois dunha batalla e ao carón imaxes simbólicas dos pobos vencidos", indica Ruiz de Arbulo, "isto xa o facía Xulio César na Gala, pero logo houbo unha variante, a representación do mundo dominado por Augusto na súa globalidade". Foi Octavio Augusto quen mantivo dez anos de cruenta guerra que rematou coa anexión do noroeste peninsular no 16 a.C., no antigo territorio de galaicos, cántabros e astures.


Fragmentos de dous relevos localizados no foro de Tarraco. Imaxe: Universitat Rovira i Virgili

Unha pista na Provenza
E aí é onde comezan as preguntas ao redor de vestixios fragmentados aparecidos no foro de Tarraco, algúns deles máis identificables que outros. En concreto, localizouse unha gran figura de grandes ollos, da que se conservaba a zona superior, a parte inferior das pernas e unha pequena parte dun elemento decorativo da base da figura. Os arqueólogos comezaron a buscar paralelos para esa representación. E foi aí como chegaron á Provenza, ao arco romano de Carpentras, dunha cronoloxía tamén de principios do século I d.C.


Arco romano de Carpentras

"En Carpentras xa non temos unha figura masculina e feminina, coma nos tropheii. Aquí xa son dous personaxes masculinos os que rodean o trofeo. A través da súa simboloxía podemos identificar con certeza a quen representan", indica Ruiz de Arbulo, "No sur está un exipcio, e da outra volta, no norte, atopamos un guerreiro xermánico representado polo ánade. Da outra banda, temos o leste, identificado como un guerreiro frixio polo tipo de gorro e o dobre machado. E falta o oeste, onde se atopa a nosa figura". Aquí Ruiz de Arbulo é onde propón fiar fino: "A falcata, a espada curva, era amplamente empregada en Iberia, pero este personaxe non é un íbero", precisa Ruiz de Arbulo, "porque está vestido con esa zamarra de lá para sinalar que procede dun clima moi frío. Poderiamos pensar que é astur, pero hai que introducir outra variable aquí".


Ilustración representando os catro prisioneiros do arco de Carpentras. O galaico sería o segundo desde a esquerda. Ilustración: Universitat Rovira i Virgili

E para iso da Provenza Ruiz de Arbulo viaxa a Afrodisias, unha opulenta cidade grega e romana en Turquía que se atopa nun excelente estado de conservación. "Nun dos templos dedicados a Augusto hai unha especie de mapa simbólico do Imperio", sinala Ruiz de Arbulo. "Esculpiron decenas e decenas de imaxes distintas representando etnias e cidades, e unha das que aparece, nunha mención epigráfica, é a etnia dos kallaikói, dos galaicos. En Afrodisias ninguén tiña a máis mínima idea de onde ficaba Gallaecia, pero a están empregando delimitar o mundo". A proposta é encaixar todo isto: que na época de Augusto os galaicos eran un pobo identificado como tal. Como o arco de triunfo de Carpentras representaba a dominación do emperador sobre os pobos dos catro puntos cardinais, no Occidente o pobo representado é o dos galaicos.


Anacos identificados da escultura de Tarraco e a súa identificación coa figura de Carpentras.
Imaxe: Universitat Rovira i Virgili


Porque a clave é que en Tarraco tamén aparece un guerreiro frixio, coa súa peculiar pucha (consérvase a cabeza) e o dobre machado. A figura fragmentada que aparece ao carón, xa que logo, podería ser tamén un galaico coma o de Carpentras. E non é a única representación de galaicos que podería existir nesta cidade. No foro provincial, ubicado na zona superior, consérvanse pedestais das estatuas dos flamines, os sacerdotes do culto imperial, membros da aristocracia que accedían a este cargo de prestixio na antiga Roma. "Hai varios que son do convento lucense, do asturicense e do bracarense", indica Ruiz de Arbulo, que adianta que na identificación destas estatuas aínda hai moito traballo por facer. Igual que coas estatuas dos xenios provinciais. "Sabemos que no foro provincial había unha sala que diferenciaba ao xenio dos lucenses do dos bracaraugustanos, por exemplo", sinala Ruiz de Arbulo. "Saber que tipo de símbolo diferenciaba a un do outro, como un río, ou un obxecto, sería do máis interesante, pero isto aínda non comezamos a estudalo".

Un instrumento de propaganda
Como encaixa esta representación do prisioneiro galaico de Carpentras co xeito no que os galaicos se representaban a si mesmos nas estatuas?, preguntamos a Joaquín Ruiz de Arbulo. Hai que ter en conta que a imaxe é moi distinta: as estatuas de guerreiras localizadas en Galicia e o norte de Portugal representan individuos vestidos de maneira máis elaborada, con escudo e puñal. "Non é doado de responder, pero en relación coas estatuas de guerreiros galaicos, precisamos cronoloxías, que non as temos", precisa. "Pero debemos ter en conta que o que estamos vendo é pura propaganda. Trátase de representar este mundo vencido e, para iso, introducen un compoñente etnográfico que permite identificar o tópico deses pobos". Nesa propaganda, os romanos representaron a fereza e salvaxismo dun home da fin do mundo. Un cativo que podería ser o primeiro galaico representado baixo un prisma romano.