Abandonos relativos

Rafael Rodríguez explícanos a campaña arqueolóxica 2016-2017 no campo da Lanzada

Rafael Rodríguez explícanos a campaña arqueolóxica 2016-2017 no campo da Lanzada
Escavacións na Lanzada.
O día 30 de xaneiro remata a intervención arqueolóxica no poboado da Lanzada (Sanxenxo), aínda que as obras de restauración continuarán ata o verán. Finalizará polo momento unha das campañas arqueolóxicas máis mediáticas dos últimos anos en Galicia, e non foi para menos. Desde esqueletes de diferentes épocas e xéneros ata intrigantes estruturas, factorías, edificios de función descoñecida. Cada nova campaña non fai máis que engadir interrogantes a este puzzle histórico.

"Para comezar", xa sinala Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e director da intervención, "xa se incumpre a regla básica da arqueoloxía, que é que o máis antigo está abaixo". Rodríguez sinala a vasta extensión escavada durante esta campaña e unhas estruturas ubicadas na zona inferior. "Aquí arriba estamos nun contexto do século II a.C., pero é que aí abaixo temos claramente unha zona altoimperial que foi abandonada e posteriormente un enorme edificio do século V". Rafael Rodríguez avanza pola excavación e amosa unha sorte de talud que permite ver que os habitantes da Lanzada, a principios do Imperio Romano, literalmente escavaron no solo do lugar para afundirse. "E é normal", indica Rafael Rodríguez. O día está ventoso e húmido, creando difíciles condicións de traballo. Non é difícil imaxinar como serían a vida neste lugar coas técnicas e as vivendas de hai dous mil anos. "E é normal", repite Rafael Rodríguez, "porque nese espazo inferior estase protexido dos ventos e a temperatura sube dous grados, medidos e comprobados por riba de aquí". Dous grados é un cambio de temperatura abondo serio como para xustificar os traballos.

Pero comezamos por partes. A Lanzada é un sitio arqueolóxico ubicado no Grove que reúne en si mesmo unha parte importante da historia de Galicia. Unha capela románica nunha illa, os restos dunha fortaleza que pertenceu á Mitra compostelana e que viviu os seus últimos días activos como refuxio dos últimos irmandiños. A época prehistórica está representada por un poboado que se inicia, posiblemente, na Idade do Bronce e que se convirte nun importantísimo emporio comercial, sendo un paso importante dos roteiros comerciais fenicios e romanos polo Atlántico durante a Idade de Ferro, Roma e memos a Tardoantigüidade.

Unha factoría de grandes dimensións
A zona superior, correspondente ao poboado do século II a.C., foi a primeira que se exhumou xa en escavacións de anos anteriores que rebelaran algo sorprendente: a existencia dunhas pías de produción de garum ou licuamen, os míticos prebes de peixe da antigüidade. A aparición dunha factoría de produción destes prezados produtos foi toda unha revelación, xa que era anterior á romanización e, polo seu contexto, máis próxima ao contexto do comercio púnico. Na campaña actual o equipo seguiu traballando nesta zona e exhumou un edificio, xa aberto en escavacións previas, que outra vez volve ser algo único na arqueoloxía galega para esa época.

"É un edificio de planta absidial", di Rafael Rodríguez, "pero está rodeado dun corredor pavimentado con arxila dunha calidade excelente que o cingue. E polo exterior, pódese ver ese estraño valado que está feito cunha técnica que lembra hoxe os valados lugueses pero que é a primeira vez que vexo na Idade do Ferro galega". Ante a pregunta de se coñece paralelos, Rodríguez dubida e sinala o valado. "O máis parecido a iso podería ser o "opus africanum", apunta. Trataríase dunha técnica de construción de muros de orixe norteafricana. Pero o contexto de materiais non axuda a comprender este estrañísimo edificio.


Piletas tapadas con xeotextil

Todo aquí é un desafío. Protexidas con materiais para evitar que se degraden, están máis piletas da factoría de garum do século II a.C. Apareceron nas proximidades das primeiras, e anteriores, que sorprenderan ao mundo investigador en campañas anteriores. Pero é que agora apareceron máis de vinte novas. "En total hai unhas vintesete ou vinteoito", di Rafael Rodríguez, "os especialistas nestas factorías están pasmados porque na zona de Gadir (Cádiz), adoitan ter sobre unhas dez piletas". As teorías dispáranse ao tentar determinar quen foi o xestor deste complexo industrial prehistórico. Un asentamento púnico en Galicia? Ou uns galaicos que aprenderon a técnica e a replicaron? Durante esta campaña apareceu moitísimo material de confección galaica imitando os recipientes púnicos, nunha sorte de industria chinesa da Idade do Ferro.
A partir dese lugar obsérvase o muro de contención feito xa pouco despois da conquista romana para apuntalar o terreo e poder construír esa zona protexida dos ventos. Alí os edificios complícanse moito para un profano, pero é unha das zonas máis relevantes da campaña 2017. Aquí apareceron o gran número de mortos que apareceron nos medios de comunicación.
"O punto de partida son esas estruturas que se ven aí", indica Rafa marcando unha especie de cabana redonda. "Todo iso é a zona altoimperial. A partir desa estrutura circular construíron dous edificios moi longos, formando unha especie de L. Pero todo iso foi abandonado relativamente pronto. De feito, todo iso convertiuse nun vertedoiro tamén de época altoimperial, e é aí onde atopamos os bebés enterrados. O máis antigo está claramente datado: do ano 40 d.C.. Así que nese momento todo isto xa estaba abandonado". Durante varias décadas, nunha zona moi, moi concreta, ata once bebés se foron soterrando nunha zona moi concreta e definida. Trátase dun dos achados máis intrigantes desta campaña.
Pero os outros mortos tamén dan que pensar. En concreto, tres enterramentos de época tardoantiga, comezando pola famosa Cornelia, unha muller de avanzada idade que acadou gran repercusión mediática. Cornelia estaba soterrada canda dous varóns de gran estatura e as análises de C-14 sinalan que son do século V. "O interesante", di Rafael Rodríguez, "é que os enterramentos parecen ter relación con ese gran edificio de aí". E outra vez volvemos tirar de imaxinación para apreciar como por riba do nivel altoimperial e os edificios en L superponse unha gran estrutura rectangular, case desfeita, tamén datada no século V. Trátase dunha gran edificación da que só quedan os alicerces. "Se cadra sexa algún edificio de significación relixiosa, pero non atopamos evidencias para estar seguros".
As escavadoras moven toneladas de area. Estrañamente, todo ese recinto altoimperial ten un gran patio baleiro, con dous grandes fornos centrais que puxeron dos nervios, cando os estaban escavando, aos investigadores. "Ao principio pensabamos que eran cistas prehistóricas", comenta Rafael bromeando. No límite da intervención volven aparecer estruturas, pero esta campaña xa deu de si abondo: o maior número de esqueletes en bo estado das últimas décadas en Galicia, obxectos e sobre todo, unha nova percepción da Galicia da Antigüidade.