Luis Rodríguez Rivera faise co III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica

O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra

A Fundación Vicente Risco acaba de facer público o fallo do III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, que esta entidade convoca canda a Urco Editora, Auga Editora, Âncora Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova. O xurado, reunido este 24 de febreiro, acordou outorgarlle o galardón á novela Os mouros do Pico Sacro da autoría de Luis Rodríguez Rivera. O gañador levará un premio de 3.000 euros en metálico e verá a súa obra publicada.

O xurado, formado por César Lorenzo Gil, Lois Pérez Diéguez, Llerena Perozo Porteiro (con voto delegado), Fausta Cardoso Pereira, gañadora da anterior edición (con voto delegado) e con Tomás González Ahola como secretario con voz e sen voto, recomendou tamén a publicación da obra finalista Sopas New Campbell.