O CGAC reflexiona sobre a imaxe e os seus límites en Percepción e incerteza

Obras de Joan Fontcuberta, Max de Esteban e Jaione Camborda compoñen a nova mostra do centro

Obras de Joan Fontcuberta, Max de Esteban e Jaione Camborda compoñen a nova mostra do centro
Max de Esteban. A Forest 2019. Fonte: CGAC
Como "unha experiencia inmersiva que, desde a imaxe e os seus límites, propón reformular a tensión entre a percepción e a incerteza". Así define o CGAC Percepción e incerteza, a exposición que, desde o pasado 26 de setembro e ata o 8 de febreiro vindeiro, se pode contemplar na súa sede en Compostela. O proxecto reúne obras de tres artistas "que traballan coa imaxe en movemento desde perspectivas moi distintas e con propostas experienciais diversas: Jaione Camborda desde o cinema, e Joan Fontcuberta e Max de Esteban desde a fotografía e o vídeo".

No proxecto, comisariado por Santiago Olmo, "cada unha das pezas seleccionadas aborda as ideas de percepción e incerteza desde un ángulo diferente". Así, en Génesis.IA (Xénese.IA), Joan Fontcuberta "explora a maxia da intelixencia artificial e o seu potencial como xeradora de experiencias visuais inéditas". O díptico que presenta Max de Esteban advirte "sobre os riscos de manipular a ciencia ao servizo da bioeconomía e da infopolítica global". Jaione Camborda, pola súa banda, "introdúcenos, desde a empatía, no universo perceptivo dunha persoa xordocega e ofrécenos unha metáfora das infinitas posibilidades e contradicións do mundo cuántico".

A estas propostas, o centro suma a exposición da obra Mandala Arc, que está en marcha ata o vindeiro 28 de decembro. A peza que, forma parte dunha serie de cinco creacións "está constituída por un conxunto de bragas usadas de diversas cores e tamaños dispostas en círculos concéntricos. Neste contexto, as pezas de roupa interior femininas adquiren un significado novo e profundamente simbólico, modelando un universo sagrado onde se combinan harmoniosamente o individual e o colectivo", explica o centro.