O Festival de Cans concede a Jaione Camborda o Pedigree de Honra

A actriz e bailarina Janet Novás recibirá un Chimpín de Prata

| Santiago. Redacción | Seccións:
Compartir:
Jaione Camborda

Jaione Camborda

A vixésimo terceira edición do Festival de Cans, que se celebrará en maio, ven de conceder o seu Premio Pedigree de Honra á cineasta e guionista Jaione Camborda (San Sebastián, 1983), unha das creadoras máis destacadas do cinema galego contemporáneo. A directora marcou en 2023 un fito histórico no cinema español co seu filme O Corno, ao converterse na primeira muller cineasta española que recibiu a Concha de Ouro nos 71 anos de historia do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. 

Coa concesión do Premio Pedigree, o Festival de Cans quere "recoñecer a traxectoria dunha cineasta xa imprescindible no audiovisual galego. Nos seus filmes, como O Corno e anteriormente Arima, Camborda constrúe relatos profundamente enraizados no territorio, cunha mirada que sitúa ás mulleres no centro da historia e que explora os límites do ser humano", explican desde a organización do evento. Ademais, o festival destaca a súa aposta pola lingua galega como vehículo para o seu cinema, contribuíndo a levar o idioma a unha visibilidade internacional case sen precedentes, cun percorrido por máis de corenta festivais en todo o mundo.

 

Formada nas escolas de cinema FAMU de Praga e na HFF de Múnic, Camborda reside en Galicia desde hai máis de quince anos, onde fundou a produtora Esnatu Zinema. Ademais do seu traballo como directora, tamén desenvolveu unha intensa actividade como guionista, directora de arte e produtora en proxectos vinculados a cineastas galegos como Lois Patiño ou Alfonso Zarauza. A cineasta mantén ademais unha relación estreita co Festival de Cans, onde participou en diferentes edicións e presentou parte dos seus traballos. Nesta edición, ademais de recibir o Premio Pedigree e participar nun encontro co público, o festival dedicará un Foco que revisará o traballo en pezas curtas da autora. Camborda recibirá o Premio Pedigree e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas de Cans.

 

Chimpín de prata a Janet Novás  

Os Chimpíns de Prata do Festival de Cans, que recoñecen cada ano a personalidades do cinema, da música ou das artes que destacaron pola súa defensa e promoción do festival, así como pola súa vinculación coa aldea.O Chimpín de Prata “Pepe Puime” será nesta edición para Janet Novás (O Porriño, 1982), actriz, bailarina e coreógrafa. O seu papel protagonista no filme O Corno, de Jaione Camborda, e o posterior Premio Goya á Mellor Actriz Revelación converteron a súa traxectoria nun dos acontecementos máis emocionantes vividos na aldea de Cans nas últimas décadas. A estes recoñecementos súmase este ano outro fito histórico: o Premio Nacional de Danza, a primeira vez que este galardón recae nunha artista galega.

 

Pola súa banda, o Chimpín de Prata “Divina Campos” será para o veciño Francisco Novás (Atios, 1949), coñecido na aldea como Paco do Buraco. Como cada ano, o Festival de Cans recoñece tamén a labor desinteresada dunha veciña ou veciño na súa contribución ao proxecto colectivo que representa o festival. Neste caso, o galardón destaca o compromiso de Paco Novás coa defensa do patrimonio histórico e tradicional da aldea. O festival quere recoñecer especialmente o seu traballo na loita por preservar e loitar pola reconstrución do Muíño do Froxán, así como a súa implicación en iniciativas veciñais en defensa do medio ambiente e do río de Cans.

Que che parece esta nova?
134 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Festival de Cans, Jaione Camborda, Janet Novás...