A longametraxe 'O Corno' competirá pola Concha de Ouro de San Sebastián

Trátase dun drama ambientado na Galicia dos anos 70 e rodado en galego e portugués

Trátase dun drama ambientado na Galicia dos anos 70 e rodado en galego e portugués
Fotograma de 'O Corno'- Elástica Films
"O Corno", segunda longametraxe da directora e guionista donostiarra afincada en Galicia Jaione Camborda, terá a súa estrea europea na Sección Oficial da 71ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, antes da súa distribución en cinemas o 11 de outubro, da man de Elastica Films. O filme fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na Sección Oficial deste festival, o primeiro de produción galega, que aspira á Concha de Ouro. A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros. "O Corno" está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas entre Galicia e Portugal. O filme é unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica).

Presenza da animación galega
O festival donostiarra acollerá tamén na súa competición oficial o filme de animación "El sueño de la sultana". Unha película participada pola produtora ferrolá Abano Films, de Chelo Loureiro. É a primeira película de animación europea presente na Sección Oficial a competición de Zinemaldia do festival. O soño da sultana é unha coprodución entre España e Alemaña e está producida por Abano Producións (Ferrol, A Coruña), Sultana Films (Donostia), O Gatoverde Producións (Madrid), Fabian & Fred (Hamburgo) e Uniko (Bilbao). O filme, que é apto para todos os públicos, aborda varios temas, sendo a concienciación da condición da muller o núcleo central.