Unha mostra inmersiva repasa as catro estacións na arte galega

A exposición no Museo Centro Gaiás conta con 80 obras de 63 artistas dos séculos XX e XXI

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
Imaxe da Serie Paisaxe Nevado, de Vicente Blanco

Imaxe da Serie Paisaxe Nevado, de Vicente Blanco

O Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela acolle desde hoxe e ata o 6 de setembro a exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI', unha mostra concibida como experiencia sensorial e inmersiva ao redor das representacións estéticas da primavera, o verán, o outono e o inverno galegos. Máis de 80 obras de 63 artistas, procedentes das coleccións de arte públicas e privadas máis importantes de Galicia, forman parte desta mostra colectiva comisariada pola artista e investigadora Mónica Alonso.

A selección reúne grandes figuras históricas da arte galega —como Castelao, Eugenio Granell, Laxeiro, María Antonia Dans ou Luis Seoane— con destacados creadores contemporáneos, entre eles Manuel Vilariño, Francisco Leiro, Antón Lamazares, Manolo Paz, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas. Xunto a eles, a mostra abre espazo ás novas voces da creación actual: artistas plásticos como Mar Vicente e Rosendo Cid; cineastas e creadores visuais como Lois Patiño e as irmás Noa e Lara Castro de Lema; artistas sonoros como Berio Molina, e unha nova xeración de escultores representada por Mar Ramón Soriano e Pablo Barreiro, entre outros moitos. Xogando coa colocación das obras no espazo, así como coa temperatura, as cores, os sons e as texturas, As estacións do ano constrúe un itinerario singular pola historia da arte que vai desde o Movemento Rexionalista de comezos do pasado século ata as xeracións máis novas.

Que che parece esta nova?
198 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito