Xogar a identidade

Novas propostas lúdicas integran a lingua e o imaxinario do país

Novas propostas lúdicas integran a lingua e o imaxinario do país
Cartas de Ophiusa
Hai xa varios anos que, a coincidir coas festas de Nadal, cobra especial relevancia unha serie de produtos lúdicos feitos na nosa lingua e con temática galega. Varios proxectos pioneiros queren aproveitar o noso imaxinario colectivo para desenvolver xogos e xoguetes que nos falan do máis próximo. Con dificultades para se producir e distribuír e cun mercado aínda cativo, aos poucos está a se conformar un sector do xogo galego que quere abranguer diferentes xéneros e idades.

Ao carón do mundo dos videoxogos e da esforzada recuperación dos xogos tradicionais, a nosa cultura está a ver nos últimos anos diferentes iniciativas que apostan por produtos lúdicos con identidade galega. Adaptacións de xogos xa coñecidos, como o Trivial, o xadrez ou as cartas; xogos de mesa con dinámicas e ambientacións orixinais ou entretementos para os máis novos, a miúdo con carácter educativo, atópanse no mercado da man de diferentes casas.

Preguntas
A idea de contarmos con xogos propios non é algo recente, se ben é certo que nos últimos anos vense cada vez máis propostas neste campo. Dentro das que van chegando ao mercado, hai varias que apostan por adaptar á nosa lingua ou a temáticas galegas formatos e xogos xa coñecidos. Unhas das propostas máis populares neste sentido son os xogos de preguntas e respostas tipo Trivial, dos que existen varias versións, tanto virtuais como físicas. Así, xa en 2006 se presentaba o Trivial GZ da Asociación Socio Pedagóxica Galega, unha proposta virtual que convidaba a facer unha liga a través da rede. Con posterioridade, o catálogo da entidade enriqueceríase con versións na nosa lingua do Xogo da Oca ou do Scrabble, tamén en liña. Outro xogo virtual é o Trivial da Terra que promove Xesús Freire. Esta proposta, que pretende ir cubrindo todo o país en base a módulos centrados nas diferentes comarcas, conta xa cun Trivial da Terra de Melide, con outro dedicado á Terra Chá e, en desenvolvemento, un centrado en Sarria. O proxecto quere que cada comarca conte cun mínimo de 1000 cuestións distribuídas entre os temas de arte, historia, cultura e sociedade, medio e personaxes célebres. A aplicación permite que colaboradores voluntarios vaian achegando novas preguntas ao xogo. Canda a eles, e a apostar de xeito pioneiro por levar o formato ao terreo físico, en 2011 chegaba ás tendas Arume Xogal. Este xogo, cun taboleiro inspirado nos petróglifos, propuña preguntas de temática xeral organizadas en historia, literatura, lendas, xeografía e natureza, arte e cultura, localidades e outras específicas centradas en léxico e ortografía.

Barallas, xadrez e oca
Alén das preguntas, tamén houbo adaptacións á nosa cultura doutros entretementos. Así, xa nos anos oitenta a popular fábrica de cartas Heraclio Fournier lanzou unha versión galega dos seus coñecidos naipes, a reproducir nas figuras monumentos como a Torre de Hércules. Pola súa banda, en 2013 a asociación compostelá A Gentalha do Pichel publicaba o seu Baralho Suevo, con naipes que recollen personaxes do antigo Reino Suevo e que viu xa dúas edicións con textos plurilingües en inglés, alemán e galego. O web Ideas Peregrinas, á súa vez, creou unha Baralla do Camiño de Santiago coas figuras a representar peregrinos e peregrinas de sona ao longo da historia, e acaba de lanzar unha oca e un parchís coa mesma inspiración, en todos os casos con ilustracións de Alberto Guitián. Outro xogo popular que conta con versión galaica é o xadrez. No marco do proxecto Iagoland, dedicado á creación de produtos culturais sobre a presenza viquinga no noso país, Pablo Culebras e Rubén Terré fixeron unha adaptación no que as pezas brancas representan cristiáns e as negras os invasores nórdicos. O xogo inclúe ademais información sobre as incursións normandas no noso país durante o Medievo e datos sobre personaxes da época.

Ophiusa
Foi tamén a partir do interese na historia de Galicia que naceu Ophiusa. A terra dos mil ríos en 2011. O proxecto saíu da mente do escritor Fernando M. Cimadevila e mais do ilustrador e fotógrafo José María Picón, ambos os dous habituais usuarios de xogos de mesa, baixo a marca de Estudio Mentis. Malia a ter tamén forma de baralla de 54 cartas, o xogo afástase das tradicionais dinámicas dos naipes e procura dar a coñecer diferentes eventos do pasado do noso país mediante un sistema similar ao dominó, polo que cada xogador ten que encadear cores e datas. "Aínda que non está orientado ao público infantil calquera pode xogar porque a dinámica é moi sinxela, nin sequera esixe coñecementos de historia", explica Cimadevila. O proxecto naceu "porque queriamos sacar un xogo con identidade galega, e pareceunos que o que máis nos cadraba era a historia". Presentado sen intención comercial, "pretendiamos facer un crowdfunding co que quen estivese interesado puidese obter unha copia, pero eramos conscientes de que non había un grande mercado". No entanto, anos despois do seu lanzamento, a editora Urco recuperou a baralla para unha nova edición que está dispoñible aínda en librarías. Coa mesma editora Mentis lanzou en 2014 un novo xogo, tamén en formato baralla, neste caso baseado na colección de contos As aventuras do Apalpador. O gran magosto "presenta un mecanismo máis complexo, con dúas posibilidades de xogo segundo as idades dos participantes. Está pensado para ata seis xogadores e quer servir para xogar en familia e que lles guste tamén aos adultos, con diferentes personaxes e mecánicas de dedución", explica Cimadevila.

Galileo
Con orientación específica para o público infantil, Galileo Nenos botou a andar xa en 2012 a presentar de xeito pioneiro diferentes xoguetes e xogos na nosa lingua. Guido Leboroni, nado en Italia e vencellado de xeito previo ao mundo lúdico, apostou por esta liña "ao ver que non había nada en galego e que falase de cousas de aquí". Puzzles, bonecos de animais autóctonos ou o Quiquiriquí que convida a imitar os animais da granxa, son algúns dos seus lanzamentos. "Comezamos cun primeiro xoguete á venda en trinta tendas e o ano pasado tiñamos xa once referencias en cento cincuenta establecementos. Estamos moi contentos, a xente agradéceo e funcionan moi ben", explica. Como produto estrela destacan "un xogo para aprender a ler e a escribir que saíu coa imaxe do Xabarín Club e que vendeu varios milleiros de exemplares". A compañía achegouse tamén aos xogos de taboleiros con Peregrinus, no que cada participante é un camiñante perdido nun bosque encantado. "Para atopar a saída terán que xuntar os amuletos máxicos que custodian a Meiga, a Moura e o Lobishome nos seus acochos, pero…coidado! Un dos xogadores en realidade é a Santa Compaña, que disfrazada de peregrino, procurará sabotar a busca dos seus compañeiros e convertelos nun dos seus aliados" explica a presentación do produto.

Brazolinda
Na mesma liña botou a andar Brazolinda, un proxecto que acaba de ser recoñecido co Premio Manuel Beiras de Normalización Lingüística do Concello de Santiago. Irimia Fernández, responsable do proxecto, apunta que a propia necesidade de contar con produtos na nosa lingua animou á posta en marcha desta iniciativa. "Queriamos ensinarlles aos nosos fillos o mundo dos xogos de mesa e non atopabamos nada que nos gustase para os máis pequenos. E comezamos a facelos nós". A perspectiva educativa prima nos produtos desta firma xa que "cada un procura un obxectivo concreto, desde aprender a se expresar a abordar a matemáticas ou a agudeza visual", sinala Fernández. "Tentamos sempre que as familias xoguen xuntas, entón procuramos que nunha mesma partida se poidan dar diferentes niveis de dificultade e que os coñecementos non inflúan, para que pais e fillos de distintas idades entre si poidan xogar". En xeral, recoñece que a resposta que atopan aos seus produtos é "moi boa, tanto nas escolas como entre o público familiar. Un que está a ter moi boa acollida é A noite do meigallo, para xogar ás adiviñas", apunta. A horta dos caracois, O espello ou O volcán son outras das propostas que a firma ten en venda.

A produción
Encol da problemática de lanzar xogos galegos, Cimadevila advirte, a falar dos de mesa, que "é complicado. Teñen compoñentes caros" como as fichas, os taboleiros ou mesmo as caixas. Deste xeito explica por que os dous que ten publicados comparten o formato. "Hai cousas das que a xente non se decata como é o procedemento de impresión. As barallas teñen 54 cartas porque é o que cobren as pranchas habituais das imprentas. Se tivesen 55 habería que facer unha planta diferente para esa única carta a maiores, entón no noso caso pensamos os xogos en función destas características". Outra opción para incrementar o catálogo de xogos de mesa na nosa lingua cun custo reducido sería aproveitar edicións de xogos foráneas e incluír nas súas tiraxes unha edición en galego. "Poderíanse traducir doutros idiomas con relativa facilidade, pero cómpre unha tiraxe mínima que pode ser de mil exemplares, e non é sinxelo darlles saída", explica. Tamén Galileo apunta complicacións para este tipo de produtos, especialmente os orientados ao público infantil. "A edición de libros parte sempre dunha mesma estrutura básica, pero os elementos para os xogos teñen distintos materiais e formas, son mundos moi diferentes entre si. E logo temos unha normativa moi estrita de seguridade, e ao traballar só para Galicia non é sinxelo". No caso de Brazolinda "son todos xogos artesanais", explica Irimia Fernández, "e isto é un problema porque a produción é moi lenta". Canda a isto, recoñecen que "a difusión e complicada, imos presentándonos en feiras e pequenos locais pero resulta difícil dalos a coñecer". Malia a recoñecer a ausencia dun mercado importante para este sector, Cimadevila apunta que "Ophiusa pode ter vendido preto de 500 copias" e que o xogo do Apalpador "consegue irse vendendo cada Nadal", mentres en xeral os xogueteiros consultados recoñecen unha boa aceptación dos seus produtos, con éxitos destacados como o xa comentado xogo do Xabarín de Galileo.

Facer sector
"A idea é que se consolide un sector do xoguete en Galicia". apunta Leboroni desde Galileo. "Estivemos a mirar para Europa e vimos como países pequenos ou outras comunidades con poboacións como a nosa teñen un sector de xoguete no seu idioma, con casos como Eslovaquia, Flandes, Cataluña ou Euskadi. E aquí semella que o estamos a conseguir". Coincide Cimadevila no desexo de ir creando un sector, pero apunta a existencia de importantes dificultades. "A nosa idea é introducir cousas con xogos propios que non teñan unha produción moi cara, como son as cartas, conseguir que vaia habendo produtos en galego e facer así un pequeno mercado. Sabemos que en xeral os xogos de taboleiro son un mercado pequeno, por moito que vendan en todas as partes están por tras da literatura ou dos videoxogos", recoñece. Irimia Fernández pola súa banda, apunta que "vemos que hai demanda, cada vez hai máis xente consciente da educación que lle queren dar aos seus fillos, e xogar con eles é tamén un xeito de os educar".

Polo momento, todos os consultados adiantan o seu interese en incorporar novas referencias aos seus catálogos. "Nós cada tres meses aproximadamente sacamos un xogo novo", explican desde Brazolinda. "Agora imos ver como funcionou esta campaña, as modas mudan moi rápido e temos que contar con eses datos para decidir cal será o vindeiro proxecto. Polo xeral lévanos un ano como un", adiantan desde Galileo. "Temos como vinte prototipos de xogos para desenvolver, non todos con identidade galega" explica Cimadevila desde Mentis. A estas propostas súmanse aínda outras casas que lanzan puzzles como os de Punto e Coma e Rei Zentolo de Rosalía de Castro e doutras iconas do país, ou bonecos como o Apalpador de Rumboia Xoguetes. Aos poucos, semella que imos ir contando con opcións que levar á mesa familiar para xogar sen saír do noso.