Aira editorial comeza a súa andaina

Un dos primeiros lanzamentos da nova firma é a banda deseñada Alter Nativo

Da man do crítico e libreiro César Lorenzo Gil, coa colaboración do ilustrador Miguel Robledo e de Miguel Mosquera como director técnico, acaba de iniciar a súa actividade Aira Editorial. O proxecto preséntase como "unha fábrica de soños. Un punto preciso onde a imaxinación se converte en belezas de papel. Publicamos libros bonitos, interesantes, que namoren desde a capa até a derradeira liña". Coa base en Allariz e vencellada á libraría Aira das Letras, a nova firma presentou os seus primeiros títulos. Trátase do poemario Curiosidade de Estíbaliz Espinosa, que inaugura a colección de poesía Fina Rei.






Outra das apostas inaugurais é a banda deseñada Alter Nativo, de Jorge Campos, gañador en dúas ocasións do certame de banda deseñada de Cangas. Trátase dunha historia muda e a cor na que se expón o que acontece cando "todos os universos paralelos se xuntan e te ves vivindo con todas as versións de ti mesmo a un tempo". Canda a este traballo, verá a luz unha tradución de Vidas imaxinarias de Marcel Schwob, un clásico da narrativa universal traducido do francés por Samuel Solleiro e con limiar de Xosé Miranda, que se acompaña do traballo de vinte e dous ilustradores e dunha capa de Jacobo Fernández Serrano. O Culturgal acollerá o vindeiro 2 de decembro ás 20:30 horas a presentación da nova firma e destas publicacións.