En Estados Unidos ou en Francia a banda deseñada funciona como unha auténtica industria cultural. Isto implica que á hora de publicar a editoras atenden a públicos variados, desenvolven produtos estandarizados e prestan unha inevitable atención á rendibilidade dos proxectos. Neste panorama desenvolver unha carreira como autor que escriba e debuxe as súas propias historias ou que fai valer o seu estilo supón todo un reto. David Rubín, Emma Ríos, Alex Cal ou Xermánico exploran diferentes xeitos de estar satisfeitos artisticamente co seu labor para a industria estadounidense, do mesmo xeito que Tirso Cons tenta proxectar o seu bo facer na francesa.
A grande industria da banda deseñada en Estados Unidos presenta boas oportunidades para os creadores e creadoras galegas que procuran poder vivir do seu traballo artístico. Mais, ao tempo, tamén achega unha serie de condicionantes que dificultan a posta en marcha de determinados proxectos. Entre as máis coñecidas está o feito de que as grandes editoras como Marvel ou DC se reserven os dereitos de autor de personaxes e historias publicadas baixo as súas siglas. En relación a isto existen moitas limitacións nas mesmas sobre o xeito no que se poden representar personaxes xa existentes ou o tipo de historias ás que se deben enfrontar, algo por outra banda común a industrias culturais como o cinema e a televisión. De xeito paralelo, estas firmas promoven un sistema de produción compartimentado no que resulta habitual que unha persoa escriba os guións, outra debuxe a lapis, outra coloree e unha cuarta entinte as páxinas. A situación deu pé a que fosen aparecendo outras firmas que procuran mimar máis aos creadores e lles permiten manter os dereitos de autor das súas creacións ao tempo que facilitan propostas creativas orixinais e propias. Nese panorama móvense os autores galegos de BD en Estados Unidos, en moitos casos a combinar proxectos de diferentes tipos ou a alternar as series comerciais con propostas máis persoais que lles permiten desenvolverse como autores.
Mainstream e alternativos
Dentro da vaga de galegos que na actualidade traballan o mercado americano atopamos casos que apostan máis firmemente polo mercado maioritario de superheroes e franquías, como é o caso de Alex Cal, que nos últimos anos asina o seu traballo como Aco. Logo de traballar en series como G.I. Joe para IDW, está a concentrar o seu labor en Marvel e DC con títulos como Wonder Woman, Nick Fury, Midnighter, Batman eternal, Constantine ou, na actualidade, nun encontro entre a Justice League e a Doom Patrol. Tamén Xermánico, con títulos no seu haber como Vampire Diaries ou Injustice para DC centra o seu labor nestes ámbitos. Canda a eles Emma Ríos ten combinado traballos neste xénero, en títulos coma Strange, Osborn ou Cloack and Dagger con propostas máis persoais ou independentes como Pretty Deadly, Mirror ou a codireción da revista Island para Image. Unha liña similar segue Xurxo G. Penalta coas súas colaboracións en Prophet, 8House, Terror Inc ou Web of Spider-Man entre outros títulos. Do mesmo xeito, David Rubín está a se mover polo momento en editoras máis abertas a novas propostas estilísticas como son Image e Dark Horse, con títulos no seu haber como The Rise of Aurora West, The Fiction, Ether, Sherlock Frankestein (en proceso de publicación) ou The Rumble, aos que se suman traducións de obras publicadas orixinalmente en España como El Héroe e Beowulf nas que deixa clara a súa impronta como autor. Pola súa banda, a estrea de Miguel Porto en Estados Unidos se deu no ámbito máis independente da industria con Allen son of Hellcock. En Francia, tamén cun sistema de traballo industrial Tirso Cons veu polo momento ilustrando traballos doutros guionistas con proxectos como Les Chroniques de Légion, La Manoir des Murmure ou L'oeil du diable, e tenta agora fortuna con Traqueurs, unha serie na que achega tamén o argumento.
Nadar entre dúas augas
Nestes contextos, a aposta polas series máis mainstream ou polas editoras independentes débese en ocasións a preferencias persoais, mentres noutros casos obedece máis ás oportunidades de traballo que van aparecendo. "Eu non contaba con poder desenvolver a miña carreira como autora completa en Estados Unidos, é bastante difícil como debuxante tamén escribir", apunta Emma Ríos. No seu caso, logo de participar en distintos títulos de Marvel, decidiu pasarse a Image. "Cada vez había máis presión e eu vía que perdía calidade. Ademais quería facer os meus propios cómics. Traballar con personaxes doutros está moi ben, e cóbrase axeitadamente, pero tamén pensas que cando acabas o traballo xa non tes dereitos sobre ese material que che poidan dar rendemento no futuro. Os contratos son leoninos e os personaxes son traballos de todo o mundo. Iso xa o sabes cando entras, e é estupendo xogar con personaxes que admirabas de pequena, pero tamén é complicado". A falar da súa experiencia, David Rubín destaca que "con Ether en Dark Horse son cocreador e teño liberdade para facer o que queira e ir construíndo ese mundo co guionista" ao ser unha serie da que fai parte desde o seu comezo. "Tamén en Rumble son copropietario dos dereitos dos números nos que colaboro, e isto é agradable porque traballas para ti mesmo, o que sacas adiante é totalmente teu e non estás a xogar cos xoguetes doutros. Noutros casos podes atoparte con que achegas ideas que logo se empregan en filmes ou series sen que nin sequera che acrediten", explica. Non todos no entanto atopan oco no mercado estadounidense para desenvolver as súas inquedanzas artísticas. Fran Bueno, que publicou en Image Noble Causes e Graveyard Shift cesou a súa colaboración xa que "tiña gana de facer historias que tivesen máis relación comigo e que estivesen ambientadas aquí e relacionadas co que eu vivín. Polo momento quero explorar esta vía e facer algo escrito por min", sinala.
Os riscos do indie
Deixar unha grande editora para apostar por proxectos máis persoais non é unha decisión exenta de riscos. Para Ríos a aposta por procurar espazo en Image, onde os autores conservan os dereitos sobre as súas obras, non foi sinxela. "Kelly Sue DeConnick propúxome facer Pretty Deadly cando traballaba en Marvel. Eu estaba a morrer por facer cómic independente, e a verdade é que aínda que a serie continúa a ser bastante comercial, podemos facer todo o que queremos. Arrisqueime grazas ao colchón económico que me supuxo ter estado en Marvel". Deste xeito, "no momento en que fomos para Image tiñamos unha posición moi modesta no mercado. Despois coincidiu que fomos das primeiras en nos cambiar de toda unha vaga, e pilláronnos un pouco como bandeira da nova época da editora. Aos poucos foise indo alí todo o mundo porque a xente viu que alí tamén se vendía ben e ademais cobrábanse dereitos". Na actualidade a autora recoñece que na firma atopa apoio para proxectos como Mirror ou I.D., da súa total autoría, ou a revista Island, agora extinta. "Tiña claro que non saín de Marvel só para ser debuxante de distintos guionistas. Logo de comezar no mundo da autoedición, tiña certa ambición de me reivindicar como autora. En Image ao ter éxito apoian calquera proxecto, mesmo aínda que estas series pequenas non vendan como Pretty Deadly nin de lonxe. Gústalles o meu traballo, e pensan que aínda que os libros non vendan tanto, teñen a miña obra, estou no seu catálogo e son parte da súa identidade, e iso paréceme unha sorte tremenda".
Mesturas
Para Xermánico, as tendencias actuais no mercado están a favorecer un maior movemento de autores entre os ámbitos máis comerciais e as máis independentes da industria. "Hai un duplo movemento. As editoras de superheroes teñen medo de facer cousas estrañas, e entón moita xente con estilos propios van para as independentes. Despois, se os seus proxectos triunfan, chámanos das grandes. Ao tempo hai autores que ven que nas majors non teñen marxe de manobra e apostan por editoras alternativas para facer proxectos novos. Que haxa moito movemento é bo porque tamén supón que hai moitas máis oportunidades". Da súa experiencia en Image, Emma Ríos sinala a súa propia aposta por promover esa apertura co proxecto de Island. "Foi unha cruzada persoal que tivemos Brandon Graham (codirector da revista) e mais eu. Os dous viñamos de fanzines e tanto o seu debuxo como o meu non semellaba nin abondo underground nin suficientemente comercial. Estabamos os dous en terreo de ninguén e pensamos en levar a Image cómics que poderían ter sido publicados por editoras independentes como Fantagraphics. A idea era amosarlle ao sector que non había que ler só ciencia ficción e superheroes. Ao mellor alí non hai tanto oco para facer obras superfilosóficas, pero hai un lote de niveis de lectura de BDs, como nos libros". Rubín pola súa banda relativiza as diferenzas entre o traballo considerados máis mainstream como poden ser as series de superheroes e algunhas propostas que se consideran independentes. "Hai series que se consideran alternativas pero venden máis que moitas de Marvel ou de DC. Hai todo un mundo fóra desas editoras, e non necesariamente de editoras pequenas. Image é a terceira e Dark Horse cuarta en vendas".
Espazos de ida e volta
Mostra destes espazos comúns é que nin Rubín nin Ríos desbotan volver a proxectos das grandes editoras. "A idea inicial era desenvolverme como autora fóra e logo poder volver e facer tebeos máis importantes, pero naquel momento pensei que me ía saír mal e non sabía se podería traballar de novo por encarga", lembra a arousá. Pola súa banda, David Rubín apunta que "non fecho portas, actualmente non dou máis de min, con Rumble e o segundo volume de Ether en simultáneo. Xa lle tiven que dicir que non a DC porque non podía máis. Ata o momento non tiven que chamar á porta de ninguén, e agardo que se algún día preciso ampliar terreo me abran as portas, pero polo momento prefiro centrar o foco no que estou a facer".
Achegar autoría
Mesmo dentro das propostas máis comerciais é posible desenvolverse como autor. "É un mercado moi amplo e hai moitas posibilidades de atopar un espazo propio onde desenvolver a túa obra", explica Álex Cal. E incide en que "as mellores obras da industria chegaron cando lles deixaron aos autores facer o que quixeron. Esa liberdade é unha bendición e unha maldición, xa que nalgunhas editoriais podes entrar en conflito coa marca en que estás a desenvolver a túa obra". No entanto, recoñece que "mesmo a traballar en majors ou con franquías un pode achegar unha visión máis de autor, non son cousas contraditorias. Eu tentei achegar á miña obra cousas a nivel de estética, narrativa e composición e valeume para progresar e ser recoñecido. Ao final trátase de gozar co que fas e ser honesto cun mesmo. O concepto de `cómic de autor´ faime graza, para min depende do implicado que estea cada un e sobre todo do que se queira contar". Así, apunta a miniserie de Nick Fury para Marvel na que correu con todo o traballo gráfico agás a cor e realizou unha aposta estética moi orixinal. "Foi unha experiencia plena, editores e guionistas déronme total liberdade é a comunicación coa colorista foi excelente. Proxectos como este ou Midnighter, nos que tiven máis liberdade creativa son os que tiveron mellor acollida entre público e crítica". Á hora de desenvolver a súa carreira, o vigués sinala que se move "entre Marvel e DC, prefiro non me atar a unha única compañía e seleccionar os meus proxectos en base aos meus gustos ou tempos de entrega, con maior liberdade". Pola súa banda, Rubín apunta que "nos casos en que traballei con series nas que non teño o copyright dos personaxes tamén tiven a sorte de que me deron moita liberdade. Teño claro que me chaman porque queren o que eu oferto, non para que copie outros estilos. Entón tento achegar a miña visión sobre eses personaxes".
Os espazos franceses
A facer as américas en Francia, Tirso Cons tamén se atopou con dificultades para se desenvolver como autor completo. Logo de debuxar varios guións alleos, este último ano iniciou en Glénat a publicación de Traqueurs unha serie na que el mesmo achega a historia en colaboración con David Muñoz "É unha aposta persoal. A historia escribina hai case dez anos, e quixen darlle saída cando vin que había oco para un proxecto como este". No entanto, o pontevedrés non deixa de ter en conta os parámetros da industria á hora de facer a súa aposta persoal. "Non é que sexa innovadora, pero pareceume que había espazo no mercado. En Francia hai cousas de xénero que se desenvolven conceptual e graficamente de xeito moi clásico. E pola contra, as historias con aparencia moderna son as que resultan tamén máis innovadoras e conceptuais. Entón pensei en algo a cabalo entre as dúas cousas. Non había cousas como as que consumiamos nos anos 80. Faltaban aventuras que empatizasen, como os filmes de Spielberg que contaban historias clásicas pero de novos xeitos, produtos accesibles, pero que tentasen chegar a un público máis novo". Recoñece no entanto, que cun primeiro volume publicado a comezos deste verán "É difícil porque hai un lector moi experimentado e non sabes realmente se chegas ao obxectivo".
Á necesidade de saber moverse por industrias coma estas súmanse outras problemáticas. O propio ritmo de produción que esixen as editoras ou cuestións derivadas do feito de traballar desde a casa están tamén presentes no día a día dos autores galegos que traballan para fóra. Repasaremos esta problemática na última reportaxe desta serie.