Bota a andar a Academia Galega de Teatro

Rianxo acolleu a presentación da nova entidade esta fin de semana

O auditorio de Rianxo foi o escenario, este sábado, da presentación pública da Academia Galega de Teatro. A actriz Inma António, presidente da xestora para a constitución da nova entidade salientou que o proxecto pretende servir de punto de encontro dos profesionais das táboas e dos diferentes colectivos implicados neste sector. O acto contou coa presenza de actores como Ernesto Chao, Miguel Pernas, directores como Eduardo Alonso e Xulio Lago ou dramaturgos como Manuel Guede, que tamén foi director do Centro Dramático Galego. Desenvolver estudos sobre o sector, recuperar o patrimonio teatral do país, desenvolver un congreso anual ou servir como espazo de debate son algúns dos obxectivos fundacionais da nova entidade.