A Catedral de Lugo acolleu este xoves, nun acto aberto ao público, a presentación da cuarta e última guía do románico editada pola Deputación provincial para difundir e poñer en valor este patrimonio na provincia. Esta nova publicación, dedicada ás comarcas de Lugo, A Terra Chá e A Mariña vén a completar o proxecto editorial que iniciou a Deputación no ano 2021 con publicacións sobre este tipo de arte no conxunto da provincia. Estas obras completas inclúen dende os monumentos máis coñecidos, como a Catedral de Lugo, ata as pequenas capelas das parroquias. Esta publicación, que se lle entregou aos asistentes en formato libro, estará dispoñible unicamente en versión dixital e poderá descargarse gratuitamente desde este venres do mesmo xeito que os anteriores volumes dedicados á Ribeira Sacra; A Ulloa; e Os Ancares, O Courel e Sarria. A Deputación de Lugo está a organizar durante todo este mes de maio rutas gratuítas polo patrimonio románico de toda a provincia, para as que están cubertas xa todas as prazas.