O encontro de autoedición Autobom transfórmase co apoio do Concello da Coruña

A corporación local promove tamén a primeira edición do proxecto Viñetas desde a Escola

A Coruña incrementa as súas actividades arredor da banda deseñada. O encontro de autoedición Autobán dá inicio este 10 de maio á súa XVII edición, desta volta coa denominación Autobom que emprega habitualmente para a súa cita invernal. O proxecto reformúlase nesta ocasión cara a "un encontro, unha reunión de xente interesada na BD e a autoedición, con charlas, actividades formativas e lúdicas, e todo moi orientado a que as persoas asistentes aprendan, se coñezan, se divirtan e xeren sinerxías".

A Asociación Autobán, que organiza esta cita, sinala que é o apoio do Concello da Coruña, que se concretou mediante a sinatura dun convenio, o que permite un incremento na programación. O Autobom bota a andar ás 5 da tarde cun encontro para probar materiais de debuxo. A esta proposta seguiralle unha visita ao obradoiro de impresión Laconcongrelos, e a xornada rematará cunha mesa redonda sobre diferentes xeracións de fanzines, que guiará Óscar Iglesias coa participación de Anxo Cuba, Uxía Larrosa e Brais Rodríguez.

O día 11 un mercado de fanzines amosará os traballos dunha trintena de artistas do país, a achegar unha produción de máis de cen títulos. A proposta estará acompañada dun faladoiro sobre os fanzines nas bibliotecas e nas librarías, outro sobre financiamento e mecenado dixital, a presentación do encontro de autoedición compostelán Fun Fun Fun, e outra palestra a cargo de Aisha Rey, gañadora do combate de debuxantes 2023.

Logo do tradicional torneo de Brilé Brutal, durante a tarde desenvolverase o obradoiro de creación de BD experimental Autolab e propostas formativas sobre autoedición téxtil e maquetación para fanzines. Unha festa fechará o evento a partir das 21.30 horas. O Autobán acumula oito edicións de verán, outras tantas de inverno, e unha versión en liña por mor da pandemia.

En paralelo, e da man do festival Viñetas desde o Atlántico, o Concello presentaba este 7 de maio a primeira edición de Viñetas desde a Escola. Este programa quere achegar a creación de obras da novena arte a catro centros de ensino da cidade cunha serie de obradoiros da man da debuxante Inés Vázquez. A Escola de Arte Superior e Deseño (EASD) Pablo Picasso abriu o programa este 8 de maio, seguido do o IES Fernando Wirtz o día 9. O IES Zalaeta, o 14 de maio, e o IES Durmideiras, o día 20 completan as sesións.