Comeza en O Porriño o IIIº Ciclo de cine 'Cans todo o ano'

O Festival de Cans, a Sala Ingrávida e o Cineclube Rebobina promoven esta programación durante seis meses

Imaxe do cartel de Cans deste ano
Imaxe do cartel de Cans deste ano
Este domingo 22 de Outubro arranca na Sala Ingrávida de O Porriño o ciclo de cine “Cans todo o ano”, impulsado conxuntamente polo Festival de Cans e o CineClube Rebobina e esta sala. É a terceira edición deste ciclo de cinema que ten como obxectivo darlle maior visibilidade a filmes que contaron con poucas oportunidades de exhibición e promover unha programación estable de cinema máis alá das propias datas do festival. Todas as películas que se proxectarán teñen algún tipo de vínculo co Festival de Cans, a través de directoras e directores, produtores ou intérpretes. O ciclo desenvolverase ao longo de seis meses desde este mes de outubro ao mes de marzo, a razón dunha proxección cada mes, onde se contará coa presenza de directoras e directores das obras para que poidan estar en contacto directo co público.

Ás 19 horas dará comezo o ciclo coa proxección do documental musical Guitarra de palo, dirixido pola viguesa Andrea Zapata-Girau, directora tamén de Aava, a curtametraxe que levou o Premio do Xurado e o premio á mellor realización en Cans, e que se proxectará antes do documental. Guitarra de Palo é un documental sen diálogos, onde varios músicos son os protagonistas dunha singular conversa musical. Desde o guitarrista de flamenco Antón Jiménez ao jazzista e finalista dos Grammy Jerry González, pasando polo guitarrista Raimundo Amador, o frautista Jorge Pardo ou o contrabaixista Javier Colina. A seguinte cita será o domingo 12 de novembro, onde con motivo do 15 aniversario da catástrofe do Prestige, se recuperará o emotivo documental Mar de Fondo, dirixido por Daniel Guzmán, coñecido actor e triunfador nos Goya co filme A Cambio de nada. Este documental de Guzmán só foi proxectado por agora no último Festival de Cans. É un documental rodado nos mesmos días da traxedia, que estivo case 15 anos nun caixón ata que veu a luz en Cans. O documental conta con testemuñas como os escritores Suso de Toro e Manuel Rivas, o músico Julián Hernández ou o showman Gran Wyoming. Nswangi

A última cita do ano programada será o domingo 10 de decembro, coa proxección do traballo colaborativo Hoxe non é un soño, un traballo rodado por dez veciñas e veciños de Cans, baixo a coordinación do realizador Juanma Lodo. O filme, nacido a partir do traballo escolar do xoven Raúl Rodríguez, narra a emotiva vida de José Quintas Sánchez, veciño de Cans que se ve una obriga de emigrar de neno a Venezuela. As entradas para todos os filmes están xa a venda a 4,50 euros e poden adquirirse por venda anticipada na plataforma online ww.ticketea.com, no teléfono 986331622 ou na propia sala