Medra a edición de BD en galego

Novas publicacións teóricas abordan a novena arte no país

O pasado ano publicáronse na nosa lingua un total de 25 títulos, dous máis do que en 2015 e o dobre que hai cinco anos. O portal Tebeosfera acaba de facer público o seu informe La industria del cómic en España en 2016 que sitúa o nivel de publicación da nosa lingua parello ao do euskera. Segundo apunta este texto "Galicia é unha fonte creativa que non deixa de nos dar sorpresas", e lista unha serie de títulos que, na súa maior parte, non foron publicados en castelán. As cifras inclúen as nove entregas do Minidiario, suplemento infantil de Diario de Pontevedra que publica material de alumnos e profesores de O Garaxe Hermético.


En paralelo a este traballo, acaba de ver a luz da man de edicións Morgante O humor en cadriños II. Este volume de Félix Caballero repasa o traballo da "xeración que se incorporou á prensa galega na derradeira década do século XX", segundo explica a presentación do libro. Bandas deseñadas e cadriños humorísticos combínanse con entrevistas a Pinto & Chinto, Santy Gutiérrez, Luís Davila, Leandro, Kiko da Silva e Andrés Meixide para ofertar un retrato sobre a situación do humor gráfico galego actual.

Tamén en Tebeosfera publicaron recentemente un monográfico dedicado a Xaquín Marín. Como complemento á entrada dedicada ao autor galego, a publicación recolle unha serie de artigos a cargo de especialistas como Siro, Xulio Carballo Dopico, Félix Caballero ou Luís Villamor. Entre estes atópase tamén un exhaustivo repaso sobre os pioneiros da BD en Galicia anteirores a Marín realizado por Rosario Crespo, comisaria da exposición As orixes do cómic en Galicia