A banda deseñada de Jacobo Fernández incorpórase á colección de Afundación

O autor vigués integra en Pikiblinder 26 obras de arte da entidade

Detalle de <i>Pikiblinder</i>. Fonte: Afundación
Detalle de Pikiblinder. Fonte: Afundación
A Sede Afundación da Coruña acollía esta mañá a presentación de Pikiblinder, unha banda deseñada do vigués Jacobo Fernández cuxos orixinais pasarán a facer parte dos fondos artísticos desta entidade. A obra de cinco páxinas integra no seu desenvolvemento obras de 26 pintores do país que están representados na colección de arte de Afundación. Segundo explica o propio web de Afundación, o protagonista da obra debe "cumprir unha misión na que se enfronta a diversos perigos, entre eles un sol abrasador que o cega, obrigándoo a buscar algún tipo de obxecto que lle sirva de sombreiro. Así elixe, en primeiro lugar, unha cesta de peixe, que emula a Manuel Colmeiro na súa obra Pescadores (1973), á que segue unha figura antropomorfa inspirada na escultura Molido (1999), de Leiro. Outra cita relevante é a Enana pintora (1970) de Laxeiro, retratada pintando un cómic, en lugar dun cadro".

Canda a estas, Jacobo Fernández fai referencias a Regreso do indiano de Castelao, Máscaras de Maruja Mallo, Romería de Urbano Lugrís, ou a Cencerrada de Laxeiro e evoca a obra de Alberto Datas e de Julia Minguillón entre outros creadores do país.

Con esta encarga e adquisición "Afundación é a primeira entidade privada española que encarga e adquire para o seu patrimonio unha historieta inspirada na súa Colección de Arte", segundo destaca o comunicado da entidade. A iniciativa enmárcase na inauguración, este venres na sede coruñesa, da exposición A Arte no Cómic, producida por Fundación Telefónica, na que diferentes autores de BD reinterpretan obras clásicas.