El Patito e Demo presentan as súas novidades de banda deseñada

Astro-Rato e Lampadiña e Tattoo verán a luz este verán

A proximidade de Viñetas desde o Atlántico está a se deixar sentir nos lanzamentos de banda deseñada do país. Nos últimos días, dúas editoras súmanse á vaga de novidades. El Patito Editorial acaba de anunciar a publicación en galego da serie Astro-Rato e Lampadiña, do cacereño Fermín Solís. Neste mes de xullo ve a luz Parece que orballa! primeiro volume dun proxecto dirixido aos leitores máis novos. A entrega publícase en edición de luxo con diferentes extras e narra as peripecias do protagonista para volver á casa logo de se perder no espazo. A serie de Solís, publicada orixinalmente en castelán por Mamut edicións, consta polo momento de tres volumes que verán a luz proximamente no noso país.

Pola súa banda, Demo Editorial anuncia o lanzamento de Tattoo, opera prima do tudense Santiago Paredes. O autor para a súa estrea aposta por unha aventura urbana de animais antropomórficos nun mundo marcado polas iconas do rock. O volume de 92 páxinas en branco e negro sae á venda cun prezo de 13,90 euros. Paredes ilustrou con anterioridade o livro Corre mono, corre sobre o grupo Furious Monkey House.