Xerais publica o libro inédito de Fernández Paz 'Un mundo de palabras'

A editorial anuncia outras publicacións inéditas do desaparecido autor

10/7/2017 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
15 lecturas | Compartido 0 veces

Capa da obra

A poucos días do primeiro aniversario do pasamento de Agustín Fernández Paz (12/07/2016) a editorial Xerais ven de sacar do prelo e presentar na súa colección Crónica o libro Un mundo de palabras, que reúne textos inéditos do escritor lucense. Nesta escolma Fernández Paz ofreceu unha dupla perspectiva arredor do acto de ler e do amor pola literatura. Dende unha mirada subxectiva, atoparemos neles a memoria do lector que foi ao longo da súa vida, a partir do momento en que, da man do seu pai, responsable do contaxio do pracer da lectura, entrou nun mundo que decontado o fascinou. Mais tamén accederemos ás reflexións de signo máis teórico que responden á visión e ao intenso labor do experimentado docente. Nelas afonda, entre outros aspectos, no concepto de lectura como ferramenta de acceso ao coñecemento e na súa importancia para construír unha sociedade moderna, xusta e máis libre. Estes textos permiten gozar unha vez máis da voz de Agustín Fernández Paz en primeira persoa, da lucidez e coherencia que demostrou en toda a súa traxectoria pública. Segundo apunta hoxe o editor Manuel Bragado en la Voz de Galicia, Xerais prepara para 2018 a edición de A patria da lingua, unha obra sobre cuestións de política lingüística que o vilalbés deixou planificada pero sen rematar completamente. Bragado apunta tamén no xornal a posibilidade de publicar un texto de teatro para monicreques inédito de Fernández Paz. O autor, cuxa desaparición foi fondamente sentida no mundo da cultura non vai deixar de estar presente en prelos e estantes de librarías.

Agustín Fernández Paz: Un grande da literatura galega

Ver serie completa
14/07/2016

Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (e II)

Fala sobre os seus inicios na literatura infantil e xuvenil así como da primeira normalización lingüística

13/07/2016

Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (I)

Publicamos unha entrevista inédita ao gran escritor

13/07/2016

Sucédense a mostras de pesar polo falecemento de Fernández Paz

Entidades e persoeiros da cultura lembran a figura do escritor

12/07/2016

Falece Agustín Fernández Paz

O vilalbés revolucionou o mundo da LIX da nosa lingua e conseguiu un enorme recoñecemento internacional

Universo culturagalega.gal