Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (I)

Publicamos unha entrevista inédita ao gran escritor

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (I)

Publicamos hoxe a primeira parte dunha longa entrevista realizada a Agustín Fernández Paz por Henrique Monteagudo (con realización audiovisual de Paco Vila Barros) para un documental sobre 25 anos de normalización lingüística que o Consello da Cultura Galega publicará en breve en Internet. Entre as numerosas entrevistas realizadas para o documental, esta de Agustín Fernández Paz é unha das máis longas por vontade do propio escritor, que tiña moito interese en deixar constancia dun gran número de recordos. A entrevista está semieditada, o cal permite apreciar a espontaneidade e naturalidade do escritor falando da súa infancia, do seu periodo de formación e do seu activismo vinculado á docencia e ás novas tendencias en educación. Mañá publicaremos a segunda parte da entrevista.

Aquí podes ver algunhas das declaracións realizadas nesta primeira parte da entrevista. Os códigos numéricos son os do interior do vídeo.

04:22
O primeiro contacto co galego escrito foi cando meu pai trae á casa os primeiros libros de Galaxia. Eu veño dunha familia que lle gustaba moito ler. Foi unha conmoción porque era comprobar que a lingua que falaba todo deus estaba nos libros. Prestáballos o señor Crende, un encadernador, que estaba suscrito aos libros de Galaxia. Meu pai léunolos en voz alta.

07:00
A Cunqueiro meu pai tratábao do negocio porque no obradoiro do meu pai facíanse as caixas dos capóns cando ía chegando decembro. Cunqueiro viña sempre á feira dos capóns e sempre mercaba para agasallar aos cataláns, chegaba ao obradoiro do meu pai, falaba con el e mercáballe as caixas.

09:00
No meu barrio había grandes narradores orais. A Capadora, a señora Xenerosa, vivía soa e estivera casada cun capador que morrera afogado nun río. Contábanos contos e sucedidos. Un dos contos que conta Docampo en Cando petan na porta pola noite. Era formidable. O señor Celestino. Había auténticos mestres do relato oral e o galego era a lingua do ambiente.

12:29
Fun estudar a Xixón aos 14 anos, pero alí na Laboral, contra os últimos anos, había algunha xente que resulta que traía libros e outro material en galego. Corrían poemas mecanografados poemas de Celso Emilio e de Ferrín, pero sen autoría. E tamén os primeiros libros en galego.

20:40
Marcho a Barcelona coa presunción rídicula de estudar ciencia da educación sen ter latín e grego. Eu era perito industrial especialista en máquinas de herramientas. Eu entro en crise nas milicias. Un amigo dime unha frase: tes que decidir se vas pasar a túa vida entre parafusos ou entre libros. En Barcelona fixémonos moi amigos de Xesús González Gómez e de Miro Casavella, e sobre todo o círculo que se reunía pola noite ao redor de Costa-Clavell no 69-71. Reuníase xente moi interesante.

35:00
A primeira exposición de cómic galego fixémola Chichi Campos e máis eu.

55:00
En Mugardos publico un artigo na revista Encrucillada no cal eu recollía as testemuñas dos meus alumnos, de cuarto de EXB, sobre como lles zoscaban os anteriores mestres.

Que che parece esta nova?
67 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Agustín Fernández Paz: Un grande da literatura galega

Ver serie completa
Xerais publica o libro inédito de Fernández Paz 'Un mundo de palabras'

Xerais publica o libro inédito de Fernández Paz 'Un mundo de palabras'

A editorial anuncia outras publicacións inéditas do desaparecido autor

Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (e II)

Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (e II)

Fala sobre os seus inicios na literatura infantil e xuvenil así como da primeira normalización lingüística

Sucédense a mostras de pesar polo falecemento de Fernández Paz

Sucédense a mostras de pesar polo falecemento de Fernández Paz

Entidades e persoeiros da cultura lembran a figura do escritor

Falece Agustín Fernández Paz

Falece Agustín Fernández Paz

O vilalbés revolucionou o mundo da LIX da nosa lingua e conseguiu un enorme recoñecemento internacional

Do mesmo ámbito