Agustín Fernández Paz: unha retrospectiva contada por el mesmo (e II)

Fala sobre os seus inicios na literatura infantil e xuvenil así como da primeira normalización lingüística

Fala sobre os seus inicios na literatura infantil e xuvenil así como da primeira normalización lingüística
E hoxe publicamos a segunda entrega da entrevista realizada por Henrique Monteagudo, coa realización audiovisual de Paco Vila Barros, a Agustín Fernández Paz. Nesta segunda parte, coñecemos os inicios de Fernández Paz na escrita, especialmente da literatura infantil e xuvenil, da súa experiencia docente, e dos inicios da normalización lingüística.




Concursos literarios: "Inflúen os concursos que se crean. O concurso do Facho foi importantísimo, daí saíron, entre outras cousas, os relatos de carlos Casares. Tamén foi importantísimo o concurso do barco de Vapor que crean galaxia e SM, do cal sae Paco Martín, e o Premio Merlín que crea Luís Mariño en Xerais e do cal sae unha produción importante, non só dos libros que foron gañando."

Premio Lazarillo/ Premio EDEBÉ. AFP comenta as participacións e éxitos nos primeiros premios do estado de LIX que admitían orixinais en linguas autonómicas: "Daquela o lema que me gustaba repetir era “Co galego a calquera lado” (…) Foi importante porque eses premios, sobre todo o Lazarillo, foron os que me serviron para abrir o ámbito meu, hasta daquela o ámbito galego, a todo o ámbito español e me fixo máis facil traducir todos os outros libros. Visto desde agora pódese pensar que eso está máis ou menos chupado, agora é moeda común que na LIX se traduza moita literatura galega a outras linguas pero si vamos ao principio…facil, ¡leches! Porque foi un traballo de furar, do cal eu dou fe porque tocoume furar por circunstancias".

Inicios da LIX Galega: "Empezan as editoriais a decatarse de que hai un público potencial, que son os cativos que están recibindo as clases de galego, e nalgúns colexios determinados clases en galego, pero que non teñen libros para ler“ “Naceu a demanda antes que a oferta” “Vas descubrindo que hai lectores i eses lectores propician que ti te lances máis á creación, propician que o ámbito de creación se vaia estendendo e incluso escritores que eran reacios polos prexuízos a cultivar esta modalidade pois tamén se lanzan a facelo."

1º Libro: "O primeiro libro meu foi un pouco de casualidade. Eu era co-director da Colección Merlín e precisábamos de urxencia orixinais. Nunha reunión dinme: “Pero a ver? Ti logo non escribes? Fai aí algo”. Entón eu o que fago e coller un dos contiños que tiña e alongalo un pouco e aparece publicado como “A cidade dos desexos".

LIX Galega e creación de lectores adultos: "Moita xente adulta do común accedeu á literatura en galego a través da produción de literatura infantil."

Experiencia docente. A creación literaria nas aulas: "Motivábamos moito tamén a escritura e esa combinación de promoción da lectura e promoción da escritura, eu penso que deu o seu froito non só en lectores senón tamén en xente que se animou a lanzarse a escribir."

Colaboración coa Administración. Normalización Lingüística. Primeiros cursos de Galego para mestres: "Estaba moi improvisado e co paso do tempo foi dexenerando. O que empezou sendo unha cousa interesante á que acudía profesorado que de seu tiña interese acabou dexenerando en cuestións rutineiras e burocráticas. (…) E acabou dexenerando máis cando os primeiros intentos de suspender a algunha xente acabaron enfrontándose coa Administración que se negaba a que se suspendera a algunha xente e na práctica fixo que a mera presenza no curso derivase no aprobado."

Colaboración coa Administración. Membro do Gabinete de estudos para a Reforma da educación (Tripartito. 2 anos): "Convertinme sen querer nun especialista de sociolingüística da educación."