Un relativo retraso xa solucionado

O Consello da Cultura Galega edita, por primeira vez en galego, a teoría da relatividade de Einstein

O Consello da Cultura Galega edita, por primeira vez en galego, a teoría da relatividade de Einstein
Foto: Orren Jack Turner
Aínda que desde hai anos institucións como a Universidade de Santiago de Compostela ou o propio Consello da Cultura Galega levan editando textos clásicos de ciencia en galego, a Teoría da Relatividade de Albert Einstein, un dos grandes textos do século XX, aínda non fora abordada. O Consello da Cultura Galega presentou hoxe á mañá a súa primeira traducción á lingua galega, un desafío coordinado polo catedrático Francisco Díaz-Fierros e o físico e profesor da USC Jorge Mira. O volume inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos que contextualizan o texto no ámbito científico e tamén galego.


Neste vídeo, no corazón de Santiago de Compostela e a vida da Praza do Obradoiro, Jorge Mira explica a teoría da relatividade de Albert Einstein e a relevancia da publicación.

Cúmprense cen anos de que un mozo Albert Einstein vise publicada unha das obras coas que revolucionou o mundo científico. Na primavera de 1917 saía do prelo "Teoría da relatividade" (Über die spezielle und die allgemeine Relativitätstheorie). Desde entón sucedéronse máis de 407 edicións e a tradución a varias linguas. Agora tamén en galego grazas ao Consello da Cultura Galega (CCG). Esta mañá o presidente da institución, Ramón Villares, canda os dous responsables da publicación, Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros, presentaron a edición galega que inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos que contextualizan a obra no mundo científico e no eido galego. A obra pode descargarse de balde desde o web consellodacultura.gal.


pe de foto
Ilustración de Pedro Díaz
A publicación desta obra forma parte dunha aposta que o Consello da Cultura Galega está a facer pola presenza da lingua galega na divulgación científica que vai desde a edición de cómics, xornadas ou o proxectos web como o Álbum da ciencia. Ademais, afirmou o presidente Ramón Villares, é "é outra forma máis de demostrar que o galego non é unha lingua poética senón completa que é capaz de soster calquera disciplina". Nesta liña incidiu tamén o físico Jorge Mira quen afirmou que "esta obra emblemática tiña que estar en galego".

Detalles da publicación
A edición en galego foi realizada a partir da primeira alemá de 1917 por Patricia Buján Otero e con revisión científica de Jorge Mira. A fonte de referencia empregada para esta obra foi a copia dixital publicada en liña polo Max Planck Institute for the History of Science (Berlín). "Tiñamos claro que tiña que ser a primeira, xa que non contén engadidos nin anotacións posteriores" explicou Mira.

A obra inclúe tamén dous estudos, un de Jorge Mira, que sitúa a obra no seu momento, e outro de Francisco Díaz-Fierros, que dá conta da repercusión que tivo na cultura galega.

Einstein no seu contexto
"Albert Einstein modificou o século XX" afirmou Jorge Mira na súa intervención, quen debullou a relevancia tanto do texto e do interese de Einstein de dar a coñecer os seus achados dunha forma comprensible. "Nos albores do século XX eran rara avis as achegas de divulgación científica. Se por riba engadimos o feito de que o autor é o científico máis relevante da época moderna, o valor engadido é enorme e fai desta un pequeno tesouro, tanto polo seu contido e autor como por ser pioneira no eido da popularización da ciencia" asegura Mira no texto publicado.

Einsein e a cultura galega
Einstein visitou España en febreiro de 1923. E isto tivo impacto na cultura galega por moitas vías. Disto dá conta o estudo que elaborou Francisco Díaz-Fierros, que recolle desde fotos en que o famoso físico aparece con algún galego, como o compostelán Rodríguez Carracido, daquela reitor da Universidade de Madrid; ou os artigos que Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba publicaron en El Diario Español ou El Sol. Precisamente Camba aproveitou a visita para facer crítica da sociedade española: "¿Que el tiempo no existe de por sí, en términos absolutos y como tal tiempo? ¡Si lo sabremos nosotros, señor Einstein! El tiempo no existe porque los españoles lo hemos matado".

Pero hai moitas máis referencias do impacto de Einstein e os seus achados na cultura galega. Dunha banda entre a comunidade científica, como os matemáticos Juan Durán Loriga, David Fernández Diéguez e Ramón Aller ou o médico Roberto Nóvoa Santos que referenciaron no seu traballo as teorías de Einstein. Da outra, entre creadores novos como Rafael Dieste, Otero Espasandín ou Manuel Antonio que, alén da súa creación artística, tamén compartían unha acusada afección polas matemáticas. Na rolda de prensa, Díaz-Fierros incidiu na repercusión que Einstein tivo na vangardas artísticas e literarias galegas ao lembrar que "Manuel Antonio dedicoulle unha poesía completa á teoría da relatividade".