O festival Primavera do Cine homenaxea a Morris

A animación terá moita presenza contando cunha masterclass de Alberto Vázquez

Cartel da VI edición do festival. María Llauger
Cartel da VI edición do festival. María Llauger
A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo outorgará ao actor vigués, Antonio Durán "Morris", unha mención honorífica como recoñecemento á súa prolífica andaina profesional no panorama audiovisual galego e nacional. O acto de entrega terá lugar durante a Gala de Inauguración da VI Edición do Festival, prevista para o día 5 de maio no Auditorio do Concello da cidade de Vigo. A Asociación Cultural Reencanto Produccións, organizadora do certame, fará entrega ao homenaxeado dunha Oliveira Bonsai, facilitada por Casaplanta, con obxectivo de salientar o compromiso deste profesional coa realidade do seu país e do seu sector. O certame manterá, na presente edición, as súas tres categorías orixinais: curtametraxe, longametraxe e videoclip. Ademais, por segundo ano consecutivo e con intención de permanencia, o festival engadirá categorías de competición para filmes de países lusófonos. Como principal novidade, este ano o festival contará cun xurado internacional formado por profesionais do sector audiovisual que concederá o premio do xurado ás mellores longametraxes galega e lusófona, respectivamente. Tamén de xeito pioneiro, e dada a tradición e calidade deste xénero cinematográfico, o festival promove a creación dunha sección exclusiva dedicada á animación, concedéndolle un galardón propio e diferenciado.Nesa liña, entre as actividades paralelas do festival destaca unha master class do director coruñés, Alberto Vázquez, galardoado con un premio Mestre Mateo e dous premios Goya na presente edición.


Ademais está prevista unha homenaxe ás Xornadas de cinema desenvolvidas desde 1984 no Carballiño, denominadas XOCIVIGA, e consideradas como pioneiras do audiovisual galego moderno. Como efeméride do 120 aniversario da primeira proxección audiovisual na cidade de Vigo, no teatro-circo Tamberlick o 29 de abril de 1897, está prevista unha rememoración desa cita na que Vigo «respirou cine»; exercendo deste xeito unha labor de salvagarda histórica cun pase das pezas orixinais restauradas, cedidas polo Instituto Lumière de Lyon. Farase contando coa participación das Escolas de Audiovisual de Vigo e Pontevedra e descubrirase unha praca conmemorativa. Esta edición manterá a tradicional actividade Cine miúdo, na que participarán máis de 500 escolares de Educación Primaria que asistirán a proxeccións de cinema clásico musicalizadas pola agrupación viguesa Trío Caspervek. Para rematar, o Marco de Vigo acollerá unha sesión ao solpor de cinema e concerto tras do museo.