Unha ambiciosa mostra recupera 14 anos de traballo de Miguelanxo Prado

O Kiosko Afonso amosa na Coruña 320 obras do artista ata o 1 de maio

Cartel da exposición <i>Miguelanxo Prado 2003-2016</i>
Cartel da exposición Miguelanxo Prado 2003-2016
Un total de 320 obras orixinais repasan o traballo creativo do debuxante Miguelanxo Prado ao longo dos últimos 14 anos. O Kiosko Afonso da Coruña abría onte Miguelanxo Prado 2003- 2016, unha ambiciosa exposición que permite seguir a evolución deste artista na súa etapa máis recente. Banda deseñada, ilustración, pintura, animación ou cadernos de viaxe encóntranse nun proxecto que continúa a mostra que no seu día amosou no mesmo recinto traballos do autor comprendidos no período entre 1993 e 2003. Orixinais do álbum de banda deseñada Ardalén, do filme De Profundis ou do proxecto Miguel EN Cervantes fan parte desta grande exposición que estará aberta ata o vindeiro 1 de maio.