Inma António presenta o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

A actriz e dramaturga tomará a palabra na gala dos Premios María Casares para defender a cultura e o teatro como dereitos humanos

Inma António. Foto: AAAG
Inma António. Foto: AAAG
O Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro corre este ano a cargo da dramaturga e actriz Inma António, que o lerá o vindeiro mércores durante a gala de entrega dos XXI premios de teatro María Casares. Instaurado desde 1961 polo Instituto Internacional do Teatro, o 27 de marzo é o día mundial dedicado a esta arte e esta institución internacional tamén o celebra cun manifesto de carácter mundial que este ano corre a cargo da actriz francesa Isabelle Huppert. Ademais neste día do teatro no ano 1984 presentouse o Centro Dramático Galego, que hoxe celebra a efeméride cunha xornada de portas abertas na súa sede do Salón Teatro de Santiago, ofrecendo visitas guiadas para achegarlle ao público tanto a historia deste edificio, como as engrenaxes que se poñen en marcha tras o pano cara á escenificación dun espectáculo. Dentro dos actos do día, na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo entregóuselle hoxe a César No o galardón que o acredita como gañador do IV Premio A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico, convocado pola ESAD. O seu texto Camiños de luz, fixoo merecedros deste premio, mentres que o texto Bestiario, presentado por Ernesto Is, foi recoñecido cun accésit.

Imma António subirá o vindeiro mércores 29 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler o seu texto. A gala será presentada e dirixida por Pepo Suevos e nela, entregaráselle o Premio de Honra Marisa Soto a Eduardo Alonso. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu encargarlle o texto a Imma António por ser unha intérprete de longo percorrido e unha das primeiras mulleres que en Galicia se centrou na escrita dramática, sendo así unha auténtica pioneira no sector. No Manifesto titulado Quen hai aí?, Imma António asegura que "o teatro porfía en saber quen hai nas entrañas da nosa humanidade, quen hai en nós mesmas na nosa soidade, quen hai na outredade que atopamos na sociedade da que formamos parte". Nesa mesma liña, António insiste en que dende o teatro "examinamos con minucia o ser que somos, non só para coñecer a verdade que o fai, tamén para transformalo". "Esa é a responsabilidade que asumimos cada vez que subimos a un escenario, sabendo que é un exercicio implacable pero necesario", explica António, antes de concluír que "o teatro e a cultura" son polo tanto "dereitos humanos básicos que cómpre defender". No manifesto global Huppert lembra a forza do teatro que desafía ao espazo e ao tempo, que "resiste, sobrevive a todo, ás guerras, ás censuras, á falta de cartos" e que ademais segue vivo pola súa natureza de reinvención constante de si mesmo renacendo "cada día das súas cinzas".



MANIFESTO GALEGO DO TEATRO 2017:
Quen hai aí?
Quen hai aí? Eis a pregunta primixenia coa que chegamos ao mundo. Quen hai aí? É a pregunta que cada función de teatro lanza ao mundo ao que chega. Un mundo como este noso, onde existen mares que son o osario da nosa indignidade; infancias segadas sen apenas ter vivido; mulleres asasinadas polo simples feito de seren; fame; guerra; inxustiza; vidas que valen máis ca outras; vidas que nada valen; vidas que nin vida son…
Quen hai aí? –preguntamos– coma nunha película de terror de serie B, sabendo que, a seguir, algo horrible pasará. Porque, claro, nas películas de terror de serie B á pregunta de "¿quen hai aí?" só contesta o asasino… Tamén nos noticiarios.
Arrepía preguntar, si. Mais seguimos preguntando: quen hai aí? O teatro porfía en saber quen hai nas entrañas da nosa humanidade, quen hai en nós mesmas na nosa soidade, quen hai na outredade que atopamos na sociedade da que formamos parte. Desde o teatro examinamos con minucia o ser que somos, non só para coñecer a verdade que o fai… tamén para transformalo. Esa é a responsabilidade que asumimos cada vez que subimos a un escenario, cada vez que actuamos, sabendo que pode ser un exercicio implacable pero necesario. Necesario para nós, claro… estas xentes entregadas a este oficio que se chama teatro. Ás veces tan desoladas de facer a pregunta de "quen hai aí?" porque con frecuencia nos dá máis dor que alegría. Outras, tan plenas na nosa humanidade porque conseguimos vivir o "Instante", esa diminuta fracción de aquí e agora na que participamos da comuñón con esa outra eu, case enxergando a resposta da eterna pregunta. Ás veces impotentes, frustradas, cabreadas de lanzar a preguntiña en despachos oficiais porque aí case sempre coñecemos a resposta que imos atopar… ¡e é tan "cansativo"!
Pero porfiamos. Resistimos. Construímos sobre ruínas. Inventamos outros mundos, posibles e imposibles. Saltamos ao baleiro cun ancho sorriso. Resistimos. Porfiamos. Quen hai aí?: é o noso berro de batalla. A nosa declaración de amor máis sentida e murmurada: quen hai aí? Quen?
E xa son milleiros de anos repetindo a pregunta porque facela é necesario. Cada día, ao longo deses milleiros de anos. Necesario. Nós, as xentes do teatro, só mantemos acesa esa chama necesaria. Outras xentes foron as que a mantiveron para nós e son outras as que a manterán cando nós nin recordo sexamos. É a nosa responsabilidade. Asumámola con humildade e amor, con agradecemento de sabérmonos parte de algo tan necesario. Porque podería chegar o día no que ninguén pregunte “quen hai aí?”, podería chegar o día no que esa chama se extinga. E nese día que podería chegar, a humanidade que hai en nós tamén se extinguiría.
E é por iso que o teatro, a cultura, é un dereito humano básico que cómpre defender. Para iso declaramos os dereitos humanos: para garantir a existencia de cada ser humano. Tan simple, tan fundamental e tan necesario: garantir o dereito a vivir co que cada persoa nace. Tan simple, tan fundamental e tan necesario como é saber que o teatro garante a existencia da humanidade que habita en cada ser humano.
Miñas queridas xentes do teatro: resistamos, porfiemos, asumamos a nosa responsabilidade con alegría e amor e sempre, sempre, con esperanza. Preguntemos "quen hai aí?" un día máis e outro e outro máis aínda… Porque nesa pregunta que o teatro propón habita a nosa humanidade.
IMMA ANTÓNIO SOUTO