O Centro Dramático celebra 40 anos este 27 de marzo

Visitas dramatizadas e unha xornada de portas abertas protagonizan a xornada

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
O Centro Dramático celebra 40 anos este 27 de marzo

A coincidir coa celebración do Día Mundial do Teatro, este 27 de marzo, o Centro Dramático Galego celebra os seus 40 anos de existencia. O Salón Teatro, sede desta institución en Santiago de Compostela, acollía na mañá deste día 26 a presentación do programa de actos do aniversario. Unha xornada de portas abertas e visitas dramatizadas compoñen a proposta para esta efeméride.

As visitas dramatizadas desenvolveranse en catro quendas ao longo da xornada da man da compañía Galeatro e con Alba Bermúdez, Luma Gómez, Tone Martínez e Carlos Sante como guías. O percorrido amosará diferentes instalacións escénicas e dará a coñecer historias e anécdotas da institución. A actividade, con capacidade limitada a 12 prazas, terá lugar ás 18, 19, 20 e 21 horas, con reserva previa.

Ademais do programa local, o CDG anuncia que con ocasión do seu aniversario desenvolve "unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América".

Nesta quincena inclúense propostas xa estreadas como Hamlet, o de Cunqueiro e Míticas pero secundarias, dentro do ciclo Clásicas desfeitas coa Cidade da Cultura de Galicia, e Manuela Rey Is In Da House en colaboración co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, Teatro Nacional São João do Porto e Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa.

Como vindeiras producións, o CDG anuncia Os actos e as profecías, que se estreará o vindeiro 11 de abril. Integrado no proxecto europeo Phōnē, Tamara Canosa dirixe este proxecto no que tamén asina a dramaturxia con Xacio Baño. Unha vintena de intérpretes subirán ao escenario nesta reflexións sobre os talent shows televisivos. Sobre esta mesma escenografía, no mesmo mes poderá verse o espectáculo de teatro comunitario O corazón na boca, con dirección de Rafael Rey e intérpretes de diferentes grupos da Federación Galega de Teatro Afeccionado.

En maio iniciará a súa andaina a proposta itinerante De Vilatriste a Vilalegre, en coprodución con Teatro O Cubo que percorrerá ao longo de catro meses un cento de concellos do noso país. Sofía Espiñeira e Roberto Casal Mouriño dixiren este proxecto que combina monicreques e traballo actoral.

Para o outono está prevista a anunciada reestrea de Terceiro acto. Esta obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez contará sobre as táboas con intérpretes que son historia viva do teatro galego como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector en Galicia.

En colaboración con Culturactiva presentarase Nada se sabe, creación colectiva baixo a dirección do madrileño Ignacio García, integrada no proxecto pedagóxico internacional NÓS/NOUS. O CDG tamén participará no espectáculo Na hora dos cans, con dramaturxia da galega Ana Carreira e dirección do portugués Nuno M. Cardoso.

Ademais, a entidade anunciou o seu apoio á iniciativa Territorios de liberdade, de Vazarim Teatro e Tanxarina Títeres, dirixida por Quico Cadaval con dramaturxia de Zé Paredes, á proposta de gran formato Frágua de amor, que adapta a obra de Gil Vicente e mais ao proxecto de coprodución e residencias Curtas-Entrepalav.bras entre Teatroensaio e Butacazero ou a programación en Galicia de As Quintas do Camões, en colaboración co Insituto Camões. A estes súmanse os espectáculos Fear Liath, "xunto a algúns dos principais teatros de Gales, Irlanda e Países Baixos", e Cores, co Teatro Nacional de Bautzen en Alemaña.

A repasar a historia da entidade, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrou que o Centro Dramático produciu ao longo da súa historia máis dun cento de espectáculos nos que participaron máis dun milleiro de profesionais do sector escénico.

Que che parece esta nova?
69 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito