Miguelanxo Prado e David Rubín compiten nos premios do Saló del Còmic de Barcelona

Os dous debuxantes están nominados ao galardón á mellor obra de autor español

Só dous nomes galegos están presentes nas candidaturas aos premios do 35 Saló del Còmic de Barcelona. Ficomic, a entidade que organiza este evento, publicou onte as listaxe de traballos que optan ás diferentes categorías, que foron seleccionados por votación entre profesionais do sector. Nesta ocasión son Miguelanxo Prado e David Rubín os que compiten para se facer co galardón á Mellor Obra de Autor/Autora Español publicada en España en 2016, un premio dotado con 10.000 euros. O primeiro faino con Presas fáciles, a súa última obra en solitario, mentres o segundo faino con Gran Hotel Abismo, no que ilustra un guión de Marcos Prior. Canda a eles, outros nomes coñecidos do panorama estatal como Núria Tamarit, Juan Díaz Canales, Antonio Altarriba e Kim, Jaime Martín ou Rayco Pulido optan tamén a este recoñecemento.

Ábrese agora unha segunda rolda de votación entre profesionais, cuxos vencedores daranse a coñecer no transcurso do vindeiro Saló del Còmic, entre o 30 de marzo e o 2 de abril. Está tamén aberta, entre o 27 de febreiro e o 21 de marzo, a votación popular para escoller a mellor obra publicada en España en 2016.