O antropólogo vigués Rafael Quintiá gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Coa obra 'Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia' fíxose coa décimo sexta edición do galardón

O antropólogo e escritor vigués Rafael Quintía Pereira fíxose coa XVI edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra ‘Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia’. O galardón está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia. Así o deu a coñecer este mediodía o xurado no seu ditame, no que destacou “a prosa áxil e fluída na que está escrito o texto” e mais “a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos”. Integrárono nesta ocasión Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Marilar Aleixandre, Uxío Labarta Fernández e Inma López Silva, quen elixiron a peza por maioría e quixeron tamén deixar constancia da calidade dos seis orixinais que concorreron a esta edición e da variedade de temas tratados neles.

O traballo premiado trata o tema da apropiación polo cristianismo dos mitos célticos, neste caso exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galicia, e está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transformación históricas que converteron os espazos, as fontes, as árbores ou as lagoas sagradas en lugares de culto cristián. O ensaio insírese ademais nesta ocasión nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos e documenta unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galicia.


Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e mais en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Centra a súa actividade profesional na antropoloxía e é membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cofundou o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.

Gañou no ano 2015 o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, polo traballo ‘Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega’; en 2010 o III Premio de investigación Luís Cuadrado (2010), polo traballo ‘A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo’ e é autor dunha decena de ensaios.