A asociación A Pipa reparte os seus galardóns literarios

Preto de cen traballos se presentaron á 25ª convocatoria

Preto de cen traballos se presentaron á 25ª convocatoria
os premiados tras o acto de entrega. Foto: Facebook A.C. A Pipa
A Asociación Cultura A Pipa de Becerreá, ven de entregar os premios do seu XXV Certame Literario A Pipa da Alta Montaña Luguesa. Nun acto celebrado onte na localidade lucense coa celebración da Noite Poética como marco, repartíronse os galardóns das tres modalidades convocadas: dramaturxia breve, poesía e relato. A convocatoria, que incluía categorías infantís, xuvenís e adultas en poesía e relato, acadou unha participación de 99 traballos entregados. Os xurados das diferentes categorías reuníronse o pasado luns.

A peza titulada Envasadas ao baleiro de Iria Acevedo (Lugo) acadou o primeiro premio en Dramaturxia Breve. O Xurado destacou a "forza simbólica tanto da acción coma do espazo dramático. As personaxes amosan un bo dominio na construción dunha situación de cinismo, tensión e ironía fronte á sedución tópica e preciosa dun mesmo home, o personaxe masculino latente. Trátase da típica historia do odio entre irmás, pero está contada, nesta ocasión, cunha dureza verdadeira e unha linguaxe suxerinte que afinca as súas raíces en Beckett, Genet e o esperpento". O segundo premio desta categoría foi para marta Pérez (Vigo) pola peza titulada Catiúscas. José F. Castillo, de Vigo, acadou un accésit pola obra experimental Ara e Ira. As obras galadoradas publicaránse na Revista Galega de Teatro.


O premio de Poesía na categoría para adultos foi para José M. García Miguélez, de Lugo polo texto Abalando brétemas A Poesía gañadora no tramo entre 14 e 18 anos foi para Xavier Simón, de Cabeiras (Pontevedra) polo traballo titulado Espido de sentimentos. Higínio Rodríguez , de Dumia (Lugo) gañou no apartado infantil de poesía co texto Meu irmán. Na categoría adulta da modalidade de Relato foi Gonzalo Loizaga, de Doncos. As Nogais (Lugo) o que resultou gañador coa obra titulado: Chanzos para unhas badaladas. O Xurado destacou o canto ás raíces e ao apego á terra que supón. Adrián Noia, de Santiago de Compostela, conseguiu o galardón na categoría xuvenil con Aquel anaco de carta e Martín Rodríguez, de San Pedro de Furco. Becerreá, na categoría infantil por Os tres bispos.