O manual que modernizou o ensino da patoloxía

O libro de Nóvoa Santos convertido en referente nas aulas de Medicina durante décadas cumpre cen anos

O libro de Nóvoa Santos convertido en referente nas aulas de Medicina durante décadas cumpre cen anos<br />
Co gallo do centenario da publicación do Manual de Patología General do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Roberto Nóvoa Santos, o director do Álbum da Ciencia repasa neste artigo a revolución que supuxo a obra no ensino das facultades de Medicina de España e Latinoamérica. Xosé Fraga participou o pasado xoves 19 de decembro na presentación dun libro coral, coordinado por Fernando Ponte, que inclúe un traballo da súa autoría.

1917 foi un bo ano para Roberto Nóvoa Santos (1885-1933). O catedrático de Patoloxía Xeral da Universidade de Santiago viña de acadar un momento estelar en 1916 coa edición do primeiro tomo do seu singular Manual de Patología General. O eco da relevante publicación chegou a Madrid e a Real Academia Nacional de Medicina convidouno o 28 de xaneiro de 1917 a impartir unha conferencia. Foi presentado polo famoso médico Carlos María Cortezo, exministro de "Instrucción Pública", quen cualificou o Manual como a obra de patoloxía máis importante publicada en España desde había corenta anos. O evento madrileño tivo unha enorme repercusión en Galicia e contribuíu a que Nóvoa pasara de ser un prometedor médico e catedrático a unha figura da medicina.

A primeira impresión que causou o libro foi de sorpresa. Falamos da obra dun profesor a quen os seus primeiros pasos parecían asegurarlle un brillante futuro profesional. Porén, moi poucos podían agardar que ese catedrático "de provincias" de pouco máis de trinta anos fose quen de publicar un libro que se convertería durante as seguintes décadas en texto de referencia nas universidades de España e Latinoamérica.

pe de foto
Cuberta do primeiro tomo do Manual
Nova visión da enfermidade
Nóvoa utilizou unha linguaxe accesible e ofreceu unha brillante síntese do coñecemento médico do seu tempo e, máis concretamente, do pensamento fisiopatolóxico actualizado. Se con anterioridade os galenos centraban a súa atención no estudo da alteración morfolóxica dos doentes, na lesión, e entendían que a saúde e a enfermidade eran dúas realidades antagónicas, os fisiopatólogos expuxeron que non existía esa fronteira insalvable entre os estados de saúde e enfermidade e defenderon unha concepción dinámica desta: unha desorde medible, un proceso enerxético-material, polo que prestaron especial atención á alteración da función. Unha disfunción relacionada coa modificación metabólica, bioquímica, do doente, polo que o labor clínico, o contacto médico-paciente, precisaba do complemento do estudo no laboratorio de cara a establecer un diagnóstico correcto e unha terapia axeitada.

Falamos dunha perspectiva que abriu novos camiños na investigación e na actividade clínica. Así, por exemplo, na visión tradicional era un problema irresoluble, máis ben incomprensible, o estado de non enfermidade nin saúde, por exemplo a propia dunha persoa prediabética. Unha situación que lembra bastante as dificultades que tiveron os contrarios á evolución biolóxica para explicar a partir do modelo creacionista a existencia de formas intermedias entre dúas especies.

Asemade, coa publicación do Manual, Nóvoa rompeu coa negativa tradición da súa Facultade de Medicina, que ao longo do século XIX estivo, en grande medida, afastada de relevantes innovacións que caracterizaron a modernización da medicina en Europa e permaneceu, da man de personaxes como José Varela de Montes, ancorada na defensa de posicións filosófico-doutrinais anacrónicas. Nese sentido podemos dicir que co seu Manual Nóvoa estaba a pagar unha débeda da Facultade de Medicina coa sociedade galega.

Unha ferramenta formativa
O principal impacto do Manual tivo lugar no terreo docente, na mellora da formación dos futuros médicos. Os 401 alumnos de Medicina que seguían estudos na Universidade no curso 1915-1916 afrontaban no 3º curso da carreira a Patoloxía Xeral. Ese alumnado tiña como principais libros de texto o de José Letamendi, catedrático da Universidade de Madrid, ou o do seu discípulo, León Corral Maestro, catedrático de Valladolid. Ambos manuais compartían unha visión decimonónica da enfermidade, baseada no denominado "eclecticismo médico". Unha escola que reunía unha mestura incoherente de doutrinas médicas, algunha delas superadas cientificamente (como o hipocratismo ou o vitalismo, que admitía a existencia de forzas vitais nos seres vivos con acción á marxe da física e da química). O nóvoa, nome popular que adquiriu o libro do catedrático de Patoloxía, mudou esa situación e facilitou a necesaria actualización de coñecementos.

Empregaba un estilo daquela innovador baseado no traballo en equipo, a actualización continua vía dominio de idiomas, unha intensa actividade no laboratorio e na clínica e xeración de artigos técnicos


O Manual foi o resultado da enorme capacidade científica de Nóvoa, da súa sólida formación e dun esforzado labor. O noso protagonista mantivo unha relación preferente con Ramón Varela de la Iglesia, un catedrático que o animou ao coñecemento do idioma alemán e lle transmitiu a visión fisiopatolóxica. Nesa mesma liña tamén contou coa influencia do profesor Miguel Gil Casares, especialista en cardioloxía que ampliara estudios en Alemaña.

Ao remate dos seus estudos, Roberto Nóvoa estableceu consulta privada en Ferrol e A Coruña e a ausencia de pacientes derivou en tempo para que o médico puidese acceder a unha ampla literatura médica. Coa volta á universidade en 1911 desfrutou de dúas bolsas de estudo en Francia e Alemaña, o que lle permitiu coñecer procedementos punteiros na clínica e na investigación médica. Xa en Santiago, o novo catedrático mantivo un ritmo frenético de actividade, nun estilo que resultaba innovador naquel tempo: traballo en equipo, actualización continua vía dominio de idiomas, intensa actividade no laboratorio e na clínica e xeración de artigos técnicos. Así naceu o Manual.

Escrito por Xosé Fraga

Director do Álbum da Ciencia