'Escenas do cambio' ofrecerá 25 pezas teatrais en espazos non convencionais

A Cidade da Cultura acollerá en xaneiro a terceira edición deste evento internacional

O Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción 'Escenas do Cambio' volverá á Cidade da Cultura na súa terceira edición, entre o 28 de xaneiro e o 15 de febreiro, cun programa con 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes, e na que o teatro galego terá unha presenza destacada con nomes como Chévere, que presentará Cheverografías, Matarile Teatro con Antes de la metralla o iLMaquinario, con Resaca, entre outros nomes. A ollada á escena galega convive coa atención ao teatro contemporáneo de América Latina, con propostas de nomes imprescindibles, como Federico León, Rodrigo García, Guillermo Calderón, Mariano Pensotti, Manuela Infante ou Magdalena Arau. Xunto a estas montaxes, 'Escenas do Cambio' avanza na súa vocación de traer a Galicia proxectos dalgunhas das compañías máis inquedas do panorama internacional, como o colectivo BERLIN, ou os proxectos de Ant Hampton e Tim Etchells, Takao Kawaguchi ou Trajal Harrell. O evento ofrecerá os proxectos das galegas Carolina Fernández, próximo ao teatro documental, as performances de Loreto Martínez Troncoso e Alejandra Pombo; ou nomes tan relevantes como Juan Domínguez ou Pablo Esbert e Federico Strate.

O festival convida a reflexionar sobre os espazos convencionais do teatro. Con Chévere, o festival percorrerá as rúas de Compostela, no proxecto Cheverografías, nunha experiencia teatral superposta sobre o mapa urbano de Compostela, a cidade natal desta compañía, e na que o público participará a través de reprodutores mp3. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá o festival, acompañado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo, a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira, a xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, en representación do Concello de Santiago, e a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia. O secretario xeral de Cultura destacou que 'Escenas do Cambio' representa un "modo de traballar en rede", e agradeceu a implicación do Concello de Santiago e do Centro Dramático Galego, lembrando que esta edición inclúe colaboradores como o Inaem, o CGAC, o Instituto Goethe - Madrid, o Ministerio de Cultura da República de Arxentina, o Goberno de Chile, Capital Cultural Iberoamericana Lisboa 2017, Adif, o Teatro Municipal María Matos de Lisboa, Espacio Azala, San Sebastián 2016 Capital Europea da Cultura e Universidade de Vigo. As entradas están desde hoxe á venda no sitio web do evento, onde tamén pode consultarse todo o contido do festival, que inclúe a participación en laboratorios e talleres, así como unha programación de conferencias e proxeccións audiovisuais.