Decenas de actividades ao longo de novembro amosan o lado máis atractivo da ciencia

Os Museos Científicos Coruñeses abren gratis ata o domingo para celebrar a Semana da Ciencia

Os Museos Científicos Coruñeses abren gratis ata o domingo para celebrar a Semana da Ciencia<br />
Chámase a Semana da Ciencia, pero celébrase todo o mes. Novembro convértese así no tempo para a divulgación científica por excelencia, con decenas de actividades promovidas por distintas institucións en toda Galicia que chegan a un público de todas as idades.

Entre as propostas destacadas, os Museos Científicos Coruñeses celebran desde o pasado luns e ata o domingo 13 de novembro sete xornadas de portas abertas nas que os visitantes poderá entrar de balde en todos os espazos desta rede: a Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae e a Domus. O acto central da súa Semana da Ciencia terá lugar o sábado 12 coa entrega dos Premios Prismas á Divulgación. Previamente, Carlos Briones, Alberto Fernández Soto e José Mª Bermúdez de Castro, gañadores do Prisma 2016 ao mellor libro editado por Orígenes. El Universo, la vida, los humanos, ofrecerán unha charla, a partir das 11.45 na Domus.

O día anterior, ás 19.30 horas, tamén na Domus, haberá unha mesa redonda sobre a astronomía coa participación de Ángel Gómez Roldán, director da revista Astronomía, Prisma especial do xurado 2016; Emilio J. García Gómez-Caro, do Instituto de Astrofísica de Andalucía, Prisma 2016 ao mellor traballo en radio; Estíbaliz Espinosa, da Agrupación Astronómica Ío, e Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa de las Ciencias.

Novembro é tamén o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura no marco da cal se desenvolven actividades nas bibliotecas da comunidade que teñen como común denominador a divulgación científica na lingua de Galicia. O manifesto deste ano asínao a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, gañadora do Premio Nacional de Arquitectura e do Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico.

A delegación do CSIC en Galicia é outra institución que adoita celebrar con intensidade a Semana da Ciencia. Ata o vindeiro día 30 organizará actividades en Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Tomiño. Visitas guiadas e obradoiros na Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) e no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas (Santiago); charlas sobre as terras raras e os transxénicos, talleres arredor do mar no Instituto de Investigación Mariñas e dúas “tardes entre microbios” na Biblioteca Pública Central de Vigo son algunhas das propostas.