O director artístico do Ourense Film Festival, Fran Gayo, debullou onte polo miúdo gran parte da programación desta 21ª edición, con especial atención nas dúas competicións da Sección Oficial -Iberoamericana e Óperas Primas-, e na deslocalización do OUFF, que tamén contará con espazos de proxección en lugares da provincia como Xinzo, Carballiño ou o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. O festival se desenvolverá do 28 de outubro ao 5 de novembro. Este ano como novidade apóstase por unha nova estrutura de contidos con dúas novas seccións competitivas (Iberoamérica e Óperas Primas) e especiais temáticos nos que o cinema galego estará representado por 17 títulos. Entre os datos a destacar desta edición -que conta cun orzamento total de 198.000€– atópanse a maior presenza feminina nos postos de dirección dos filmes da Competición de Óperas Primas fronte á masculina (indicando un cambio de tendencia coas novas xeracións), ou o feito de que todas as películas que aspiran aos premios serán estreas en España. Ademais, Gayo tamén desvelou os nomes dos integrantes do xurado que serán: Manu Yáñez, Miriam Reyes e Luis López Carrasco na Competición Iberoamericana, e Maialen Beloki, Felipe Lage e Miguel Valverde na Competición de Óperas Primas.
Galicia e os profesionais galegos terán tamén unha destacada presenza na programación do 2016, comezando polo filme inaugural,
Santoalla, un documental estadounidense sobre o asasinato dun cidadán holandés veciño da devandita parroquiade Petín. En canto ás producións galegas ou dirixidas por realizadores galegos, o programa deste ano ofrécelle ao público un total de 17 longas e curtametraxes. Así,
Angélica (una tragedia) , de Manuel Fernández-Valdés, e
Manuel Vilariño. Ser luz, de José Manuel Mariño, exhibiranse na competición iberoamericana. Manifestos proxectará as curtas
Jeanette, de Xurxo Chirro en colaboración co alumnado do IES Sangriña da Garda, e
Montañas ardientes que vomitan fuego e
Sin Dios ni Santa María, de Samuel M. Delgado e Helena Girón. Ademais, a sección Síntomas programa o documental de Ángeles Huerta
Esquece Monelos, a película de Nely Reguera
María (y los demás) e
Verengo, de Víctor Hugo Seoane. E en Extramuros poderá verse
El pozo, de Héctor Domínguez-Viguera;
O rebelde, de Óscar Doviso;
Pelerinaxes, de Simone Saibene;
Share o no Share, de Juan José Hervella Rego;
Visións de Xisela Franco e Beli Martínez;
Nación de muchachos, de Javier Camino; e
We The Media, de Héctor Carré. Pola súa banda, a artista e realizadora limiá María Ruido protagonizará un dos apartados Foco da carteleira con
L’oeil Impérative e
Le rêve est fini, mentres que Lois Patiño presentará a súa instalación
Tempo vertical.
21OUFF | PROMO. from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.